Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta asume o custo da alimentación do gando das explotacións afectadas polo lume

A Xunta asume o custo da alimentación do gando das explotacións afectadas polo lume

O paquete de axudas para sufragar os gastos derivados de alimentación para o gando aprobarase a semana que vén nun Consello extraordinario 

Actualmente hai seis puntos de recollida para recibir e distribuír o alimento na provincia de Ourense, e estase traballando para amplialos a oito

Alfonso Rueda visita un dos repartimentos de alimentación para gando en Chandrexa de Queixa (Ourense)
G24.gal 19/08/2025 20:11 Última actualización 19/08/2025 20:17

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, avanzou este martes que o Executivo autonómico proverá alimentación para o gando a todas as explotacións gandeiras afectadas polos incendios forestais, polo que asume todos os custos derivados desa medida.

Rueda comprometeu esta axuda nun acto de repartición de alimentación para o gando nunha explotación gandeira afectada polo lume en Chandrexa de Queixa no que estivo acompañado pola conselleira do Medio Rural, María José Gómez, e na que ambos coñeceron de primeira man a situación na que se atopan algunhas explotacións neste contexto de emerxencia.

Desde a Xunta ven imprescindible poñer en marcha axudas para o sector agrogandeiro en tanto que moitos gandeiros quedaron sen pasto con que alimentar o seu gando e sen provisións de alimentación por culpa dos incendios.

Desde o sábado 16 a Xunta garante o alimento para os animais de todas as explotacións gandeiras afectadas, asumindo todos os custos derivados da medida. O presidente galego fixo un chamamento aos gandeiros que o precisen para que se poñan en contacto co seu concello para que este trasládelle as súas necesidades á Xunta para darlles “apoio económico”.

Ata o de agora estas accións están a levarse a cabo en coordinación cos concellos e asociacións de gandeiros, a través dunha contratación de emerxencia coa empresa pública Tragsa. Nesta liña lembrou que o paquete de axudas para, entre outros, sufragar os gastos derivados de alimentación para o gando das explotacións afectadas polas lapas, aprobarase a semana que vén nun Consello extraordinario que se celebrará na cidade de Ourense.

Actualmente hai seis puntos de recollida habilitados para recibir e distribuír o alimento, todos na provincia de Ourense, e estase traballando para amplialos a oito.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade