Publicador de contidos

Publicador de contidos

Piden que os fillos e a exmuller do empresario asasinado en Vigo en 2004 declaren como investigados

Piden que os fillos e a exmuller do empresario asasinado en Vigo en 2004 declaren como investigados

Manuel Salgado recibiu varios disparos nun garaxe cando baixaba do seu coche

En 2021 reabriuse a causa para ampliar a investigación policial

G24.gal 27/03/2023 12:02

Os avogados da familia de Manuel Salgado, o empresario que aparecera morto dun disparo en abril de 2004 nun garaxe en Vigo, piden que o seu fillo e a súa filla declaren como investigados no xulgado. Decidírono despois de revisar todo o sumario.

Foron os sobriños e a irmá da vítima os que conseguiron que se reabrira o caso para evitar que o crime prescriba. Tamén solicitan que volva declarar a exmuller da vítima, que mantén a súa condición de investigada dende que se retomou a causa.

A finais de 2021 o xulgado de instrución número 4 de Vigo acordou reabrir a causa para ampliar a investigación policial. 

A partir de aí, levaron a cabo varias probas testificais, como a dun investigador privado que fora contratado pola exmuller do falecido nalgunha ocasión anterior, cando foi condenado xunto a ela e á que por aquel entón era a súa parella por escoitas telefónicas ilegais.

Agora familiares da vítima poñen o foco directamente nos fillos e a exmuller, polo que solicitaron que se lles cite a declarar como investigados. Segundo os portavoces, hai indicios para sospeitar de que estas tres persoas poderían dar información que despexase dúbidas sobre o caso.

En concreto, lembran que non hai notificación algunha de que os fillos da vítima declarasen en sede policial ou xudicial. Ademais, o fillo varón foi letrado da parella da nai e "hai motivos" e "aspectos do sumario que requiren resposta en sede xudicial".

O suceso

Foi en abril de 2004 cando Manuel Salgado foi asasinado nun garaxe da rúa Rosalía de Castro. Os feitos ocorrerían entre as 8:15 e as 8:20, cando alguén lle disparou un tiro na caluga no momento en que o empresario saía do seu vehículo. O autor entraría pola rampla do aparcadoiro, xa que a porta estaba pechada.

Tras o crime deste empresario, propietario do Colexio Lareira de Mos, a Policía detivo á exmuller (da que se separou nun proceso moi traumático, con denuncias cruzadas por varios delitos) e á parella sentimental dela, nunha investigación na que a principal hipótese era a motivación económica.

Con todo, ambos tiñan coartada e os tribunais acabaron arquivando provisionalmente a causa contra eles en 2006.

O grupo de Homicidios da Policía Nacional que levaba o caso sempre traballou coa hipótese de que fora cometido por un sicario e que o cerebro do crime estaba no círculo máis próximo da vítima.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade