Publicador de contidos

Publicador de contidos

Dezaseis persoas morreron o ano pasado en Galicia en accidente de tractor

Dezaseis persoas morreron o ano pasado en Galicia en accidente de tractor

O ano pasado rexistráronse 115 accidentes con tractores implicados

O 33 % deles foron non laborais

G24.gal 13/05/2025 14:27

Galicia segue encabezando as estatísticas de sinistralidade con vehículos agrícolas. O ano pasado rexistráronse cento quince accidentes de tractor, que deixaron dezaseis persoas falecidas (catro vítimas mortais máis ca en 2023).

Coma no caso dos turismos, os tractores novos incorporan a última tecnoloxía en seguridade, sensores, cámaras, etc. Pero, segundo os últimos datos, máis da metade dos tractores que circulan en Galicia superan os corenta anos. Moitas veces, os vehículos máis vellos están en mans de persoas maiores. Precisamente o ano pasado, as persoas maiores de sesenta e cinco anos sufriron o 33 % dos sinistros, pero o 100 % dos accidentes mortais.

"Houbo 39 accidentes non laborais, e 16 foron mortais", subliñou Adela Quinzá, a xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia.

"Nesta campaña que trata de reducir a sinistralidade imos repartir máis de 5.000 folletos, especialmente nas provincias de Lugo e Ourense", informou Pablo Fernández, o secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais.

Á hora de ir traballar, hai que ter a maquinaria revisada e en regra. E tamén cando se sae á estrada. No que vai de ano, os tractores xa cobraron dúas vidas na rede viaria galega.

"No caso das estradas, as caídas por un desnivel adoitan ser os sinistros máis graves", declarou Victoria Gómez, a xefa provincial de Tráfico da Coruña.

Atención nas pendentes e desniveis, non facer manobras bruscas cos remolques e atender o bo estado dos freos son algunhas das recomendacións. E, sobre todo, levar postos os arcos que manteñen preservada a zona do condutor para evitar esmagamentos en caso de que o tractor envorque.  

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade