Reabren a causa do crime de Rosalía, no que apareceu morto un home cun tiro
Dezasete anos despois de que aparecese morto dun disparo no seu garaxe, a familia non perde a esperanza de dar co autor ou autores dos feitos
O xulgado decidiu reabrir a causa tras novas dilixencias policiais neste caso, pero mantén o segredo do sumario
O Xulgado de Instrución número 4 de Vigo decidiu reabrir a causa do coñecido como crime de Rosalía de Castro en que aparecera morto Manuel Salgado, exempregado de banca e copropietario dun colexio de Mos.
Detrás da reapertura, que suporá a práctica de novas dilixencias policiais, está a familia do falecido que loita para que o procedemento non prescriba. Manuel Salgado morreu dun disparo na cabeza no seu garaxe sen que o seu asasino deixara rastro.
Durante a investigación, a súa exmuller e o home que entón era parella dela, foran arrestados. Había indicios dunha mala relación entre as partes, con denuncias cruzadas, ameazas de morte e diferentes altercados.
Porén os dous investigados quedaron libres por falta de probas. Tiñan coartadas sólidas e non houbo restos biolóxicos que os vinculasen co crime. O caso quedou entón provisionalmente arquivado.
A policía confirmara daquela que xa tentaran matar a Manuel días antes do crime e descartou dende o primeiro momento un asalto casual. Sempre se barallou a hipótese dun crime premeditado, por encargo e con motivación económica.
A familia, que chegou a ofrecer recompensa por calquera pista, reactivou hai meses o caso nunha paxina web. Agora confía en que o resultado das novas dilixencias dea luz para saber dezasete anos despois quen está detrás do crime.