Publicador de contidos

Publicador de contidos

A defensa do condenado polo crime de Velle pide rebaixa da pena e rexeita que fose premeditado

A defensa do condenado polo crime de Velle pide rebaixa da pena e rexeita que fose premeditado

Fiscalía pide que se manteña a condena a 22 anos de cárcere na apelación ante o TSXG

Asasinou a parella do seu curmán a coiteladas e a tentouno tamén con el

G24.gal 07/04/2025 14:17

A defensa do home condenado por asasinar á parella do seu curmán e tentar matar a este, en febreiro de 2021 no barrio ourensán de Velle, solicitou unha redución da pena de prisión pedindo, entre outras cuestións, que se retire a agravante de aleivosía -que implica unha actuación premeditada- ao considerar que na sentenza "non se ve nin o máis mínimo indicio de nada que poida encaixar con ela".

A finais de novembro, a sección segunda da Audiencia Provincial de Ourense ditou sentenza, de conformidade co veredicto do tribunal do xurado popular, condenando a 22 anos e medio de prisión a este home que feriu de gravidade ao seu curmán e matou a parella deste a coiteladas. Colleunos por sorpresa e sen mediar causa aparente presentouse na vivenda portando un coitelo de grandes dimensións.

Foi condenado por dous delitos de asasinato con aleivosía; un deles consumado e o outro en grao de tentativa, concorrendo en ambos os casos a atenuante de alteración psíquica, posto que o procesado sofre, desde os 18 anos, unha esquizofrenia do tipo paranoide.

Na vista celebrada na Coruña este luns, as acusacións pediron que se manteñan os cargos e as penas e se sume a agravante de asañamento, como xa pediran no seu momento. A defensa pide a eximente completa polo trastorno psicótico ou no seu defecto unha atenuante maior das penas. Pide tamén a rebaixa na cualificación dos feitos de asasinato a homicidio, xa que entende que non houbo esa aleivosía, que quedou probada na primeira sentenza, xa que o agresor propinou numerosas coiteladas ás vítimas de xeito repentino.

Respecto das indemnizacións pola responsabilidade civil unha das acusacións pide un aumento significativo das mesmas pasando de 60.000 a 150.000 euros no caso de cada unha das familias das vítimas.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade