Publicador de contidos

Publicador de contidos

O TSXG paraliza de forma cautelar o parque eólico de Seselle por risco ambiental

O TSXG paraliza de forma cautelar o parque eólico de Seselle por risco ambiental

O tribunal aprecia indicios de impacto sobre especies protexidas e núcleos de poboación

Considera que o dano podería ser irreparable e que a suspensión evita consecuencias maiores

G24.gal 13/05/2025 17:00

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) decretou a suspensión cautelar da autorización administrativa previa e de construción do parque eólico de Seselle, no concello coruñés de Oza-Cesuras, ante o risco de que provoque danos a elementos ambientais sensibles.

A decisión baséase na existencia de indicios suficientes de que a execución das obras podería afectar espazos con especies protexidas ou elementos catalogados polo seu valor ambiental.

O tribunal considera que estes elementos están situados en zonas directamente afectadas polas obras, polo que existe un risco evidente de dano ambiental. A Sala cita informes do Ministerio para a Transición Ecolóxica incorporados á Declaración Ambiental Estratéxica do Plan Nacional Integrado de Enerxía e Clima 2021-2030 como base para aplicar o principio de cautela.

Impacto sobre a saúde e o benestar

Os maxistrados tamén advirten do posible efecto das instalacións sobre a saúde das persoas e o benestar dos animais. Destacan que varios núcleos de poboación quedarían a pouco máis de 500 metros dos aeroxeradores, que terían 200 metros de altura.

A Sala lembra que o propio Ministerio desaconsella a instalación de aeroxeradores a menos dun quilómetro das vivendas e critica que se poida tratar peor a poboación que ao gando, xa que a Xunta estableceu distancias de ata 2 quilómetros para garantir o benestar animal noutros proxectos.

Prevalece o interese público fronte ao económico

En resposta aos argumentos económicos presentados polas empresas promotoras, o TSXG sinala que unha paralización temporal é un mal menor fronte ao custo que suporía para as arcas públicas executar unha instalación que puidese ser declarada ilegal no futuro.

Engade que a suspensión cautelar implica tamén a paralización dos prazos administrativos para executar as obras ou solicitar novas autorizacións, polo que non se derivan prexuízos directos por cuestións de prazo.

Para garantir maior seguridade xurídica, o tribunal acordou tamén a suspensión formal dos prazos establecidos mentres dure a medida cautelar.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade