A Xunta pide ao TSXG que desbloquee os parques eólicos tras o aval da xustiza europea
O Goberno galego considera que xa non hai xustificación para manter a parálise do sector
Hai 86 parques suspendidos por causas xudiciais, a maioría desde 2022
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ánxeles Vázquez, instou este luns o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) a poñer fin á paralización dos proxectos eólicos, tras a recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) que valida os procedementos ambientais seguidos pola Xunta.
Vázquez sostén que xa non hai máis escusas para manter o bloqueo xudicial, que afecta o sector desde 2022, e reclamou ao TSXG que revise canto antes os casos pendentes. Así o expresou antes dunha reunión co presidente da Asociación Eólica de Galicia (EGA), José Manuel Pazo, celebrada en Santiago de Compostela.
Sentenza clave para a continuidade do sector
O TXUE resolveu que os países da UE non están obrigados a abrir un novo período de observación pública despois da avaliación de impacto ambiental realizada polas autoridades competentes. Esta interpretación supón, segundo a Xunta e a EGA, un respaldo á tramitación levada a cabo en Galicia.
“A sentenza é clara, non dá lugar a interpretacións e garante a seguridade xurídica que o sector demandaba”, afirmou a conselleira. Tamén lembrou que o Tribunal Supremo xa emitiu catro sentenzas favorables aos trámites ambientais impulsados pola Xunta.
86 parques eólicos paralizados
Actualmente hai 92 parques eólicos en Galicia con procedementos xudiciais abertos, dos cales 86 están suspendidos: 70 por causas vinculadas a recursos de casación e 16 por outros motivos. A Xunta considera que o fallo europeo elimina calquera base legal para manter esta situación e insta o TSXG a retomar a tramitación dos proxectos afectados polo ditame europeo.
Vázquez advertiu de que a parálise compromete os obxectivos climáticos de Galicia para 2040, como acadar a neutralidade climática e reducir emisións de gases de efecto invernadoiro.
“Queremos que os setenta parques afectados pola causa relacionada co TXUE saian adiante”, dixo.
Compromiso ambiental e seguridade xurídica
A conselleira defendeu que Galicia é unha das comunidades máis esixentes en materia ambiental e que sempre aplicou correctamente a normativa sobre información, consulta pública e acceso aos expedientes. Afirmou que seguirán mantendo eses criterios “co mesmo rigor” no futuro.
O presidente da EGA, José Manuel Pazo, celebrou a resolución europea e puxo en valor “a rotundidade e brevidade” do fallo, que ao seu xuízo permite recuperar a seguridade xurídica para o desenvolvemento do sector eólico galego.