Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta aproba os dous primeiros parques eólicos con "beneficios" para os veciños

A Xunta aproba os dous primeiros parques eólicos con "beneficios" para os veciños

O criterio para a autorización sostense na Lei de recursos naturais de Galicia e permitirá que instalen pese a estar fóra das áreas do Plan Sectorial Eólico

Os parques Baro e Greco dotarán de enerxía á factoría de Ferroatlántica en Sabón, e implicará beneficios para os concellos nos que se van instalar

A Xunta pide ao TSXG que desbloquee os parques eólicos tras o aval da xustiza europea

G24.gal 04/08/2025 13:02 Última actualización 04/08/2025 18:35

O Consello da Xunta autorizou este luns a excepcionalidade dos dous primeiros parques eólicos de Galicia, en base á Lei de recursos naturais de Galicia, que suporán "impactos positivos directos" na poboación a nivel socioeconómico.

A medida aprobada permitirá a instalación dos parques Baro e Greco pese a estar fóra das áreas do Plan sectorial eólico. Estes parques dotarán de enerxía á factoría que Ferroatlántica ten no polígono industrial de Sabón.

O parque de Baro afectará aos concellos de Mondoñedo, Lourenzá, Castro de Rei, Pol, Riotorto, Pastoriza e Meira, e o de Greco aos de Cercedo Cotobade, Ponte Caldelas, A Lama, Fornelos de Montes, A Caniza, Covelo, Avión, Melón, Carballeda de Avia e Beariz.

Segundo o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, permitirá que os concellos afectados pola construción destas instalacións eólicas se beneficien social e economicamente.

As persoas empadroadas nos concellos en que se van implantar poderán ser participes como investidores nos dous proxectos ata un máximo do 5 % do total, con achegas de entre 5.000 e 50.000 euros por un período mínimo de cinco anos e cun rendemento garantido de como mínimo o 5 % anual, segundo detallou a conselleira de Ecomomía e Industria, María Jesús Lorenzana.

Terán ademais descontos na factura da luz de ata o 30 %, se se contrata a subministración coas promotoras dos proxectos e beneficiaranse de descontos na instalación de proxectos de autoconsumo como é o caso das placas fotovoltaicas. Estes descontos tamén son aplicables ás pemes da contorna.

A autorización tamén está condicionada á dar prioridade a contratación de man de obra local para posta en marcha dos parques e a un compromiso de inserción laboral tanto de mozos como de mulleres.

En total a Xunta cuantifica en máis de 15 millóns os beneficios para os 17 concellos en que se implantarán.

Galicia ten instalados máis de 4000 megawatts a través de 193 parques eólicos. E hai máis de 2500 megawatts paralizados por recursos xudiciais. Uns proxectos que o Goberno galego agarda poder impulsar agora tras da sentenza do Tribunal Europeo de Xustiza que avala o proceso de tramitación levado a cabo pola Xunta de Galicia. 

Investimentos en Sogama

Amais o Consello da Xunta tamén aprobou un investimento de máis de 100 millóns de euros en medidas enerxéticas coas que se pretenden que Sogama se converta nun dos "motores da transición cara a un modelo económico circular e sostible".

Rueda explicou que estes investimentos se realizarán nos próximos cinco anos co obxectivo de que ese novo modelo estea implantado no ano 2030.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade