A Xunta aproba rematar a autovía Lugo-Sarria co desdobramento do treito Nadela-A Pobra de San Xiao
O Consello da Xunta aprobou un investimento nesta obra que supera os 37 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou este luns un decreto para finalizar a transformación do corredor Nadela-Sarria nunha vía de alta capacidade.
A conversión en autovía desta infraestrutura que comunica Lugo con Sarria vaise completar co desdobramento aprobado hoxe do último treito que quedaba: o que vai de Nadela á Pobra de San Xiao, e que atravesa os concellos de Lugo, O Corgo, O Páramo e Láncara.
O investimento previsto para este desdobramento destes de 13,5 quilómetros de corredor é de 37,4 millóns de euros, segundo explicou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen destacou que cando estea completada a autovía "dará servizo a uns cen mil veciños e veciñas".
A previsión coa que traballa a Xunta é a de licitar as obras "inmediatamente" e comezar os traballos ao longo do ano que vén, e que o período de execución sexa de 30 meses.