A Xunta presentará alegacións contra a condonación da débeda das autonomías
A Xunta cre que se trata dunha medida "inxusta e discriminatoria" que "non mellora a solvencia nin a capacidade de gasto das comunidades autónomas"
O Executivo galego "non pecha a porta" a emprender outro tipo de vías como sería o caso dun recurso xudicial

O Consello da Xunta aprobou este luns presentar alegacións contra a condonación da débeda das comunidades autónomas por parte do Goberno Central.
A Xunta, segundo dixo o conselleiro de Presidencia, Diego Calvo, quen este luns substituía a Alfonso Rueda, ausente da xuntanza do Consello, cre que se trata dunha "mutualización da débeda, e dunha medida inxusta que se aplica con criterios arbitrarios e non técnicos".
Calvo explicou que o Goberno galego non descarta emprender outro tipo de vías, como un recurso xudicial contra esta condonación, pero por agora vai esperar a ver se o Executivo central "atende ou deixa de atender a esas alegacións".
A Xunta argumenta en contra da medida, xa que cre que "esa asunción da débeda polo estado non mellora a solvencia nin a capacidade de gasto das comunidades autónomas".
"O anteproxecto establece claramente que esa condonación non pode destinarse a mellorar os orzamentos en política social, educación ou sanidade", manifestou o Conselleiro, quen asegurou que "Galicia tería que asumir 600 millóns de débeda procedentes doutras comunidades autónomas".
"Esta medida non vai reforzar a sostibilidade financeira", dixo Calvo, quen insistiu en reclamar "unha vez máis", un novo modelo de financiamento autonómico.