Publicador de contidos

Publicador de contidos

Barallobre estrea un proxecto para recuperar a ostra plana

Barallobre estrea un proxecto para recuperar a ostra plana

Cando a semente acade os 50 milímetros, poderán repoboar as praias

A confraría valora realizar o mesmo proxecto con outros produtos como as zamburiñas ou as ameixas

G24.gal 06/10/2025 14:01

Rexenerar os bancos naturais de ostra plana. Este é o obxectivo que persegue a confraría de Barallobre co seu proxecto pioneiro iniciado a mediados do pasado mes de xullo.

"Estabamos vendo que as nosas praias estaban quedando sen ostra e, tras ver uns vídeos de Francia, que alí si o están facendo, decidimos poñer uns 'pochóns' nunhas mesas nas nosas praias. Os 'pochóns' son como os antigos sacos de patacas, pero cuns buratos máis grandes. Trouxemos cen mil unidades", explica Jorge Pena, patrón maior da confraría de Barallobre.

Un proceso que implica unha vixilancia constante. Cada quince días ou un mes, sempre coincidindo coas mareas baixas, realizan unha limpeza xeral e retiran a semente morta.

"Ao mesmo tempo tamén facemos unha revisión e, segundo van medrando, imos desdobrando. Para entendernos, se nun 'pochón' hai 50 ostras, pasamos 25 para outro. A día de hoxe temos que dicir que si tivemos moita mortalidade, pero tamén que se unha ostra medía 5 milímetros, hoxe témola en 35 milímetros", engade Pena.

E cando os exemplares midan 50 milímetros, poderán repoboar as praias con esta especie. Este proxecto comezou hai case tres meses e xa notan os resultados. Tal é así que a confraría de Barallobre valora a posibilidade de realizar este proxecto con outros produtos como poden ser as zamburiñas ou as ameixas.

"Isto non é para comercializar. Pensamos, dependendo da calidade das augas, que nuns catro meses se poidan extraer e vender", conclúe o patrón maior.

Deste xeito queren destacar a importancia de rexenerar os recursos para poder así garantir a continuidade deste sector.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade