Limpezas e sementeiras para rexenerar os bancos marisqueiros de Vilanova de Arousa
A confraría traballa dende o verán en retirar manualmente as algas que asfixian o marisco
Completaron a sementeira de 1,7 millóns de ameixas, coa colaboración da Xunta e do Concello
O limo é unha alga que se converteu no pesadelo das mariscadoras. Non flota, queda pegada na area, e asfixia o marisco, así que hai que retirala á man.
"Se non o quitas, morre todo. Iso é o que non queremos", di Marisa Seco, mariscadora da confraría de Vilanova de Arousa.
Está sendo un ano "desastroso" para elas, despois da mortaldade que provocou a chuvia de xaneiro e febreiro.
"A chuvia baixou a salinidade e matounos todo -di Marisa-, así que o noso traballo agora é limpar, cavar, sementar, e volver facer isto produtivo".
Dende que arrancou o verán, polo menos doce días ao mes, na confraría aproveitan a marea baixa para limpar. O limo prolifera coa calor, así que este verán deulles máis traballo ca nunca.
"Houbo máis alga ca ningún ano. Coa temperatura da auga, coa calor, foi un verán tremendo", di Óscar Fernández, presidente das mariscadoras a pé.
Calculan que puideron encher "600 ou 700 tractores, tranquilamente", a cousa de mil quilos de algas por tractor.
O obxectivo é manter o marisco que poida haber en bancos coma o do Esteiro, a perla da confraría. Levan sen tocalo dende febreiro, van facendo controis, e cruzan os dedos para ver se dá algo para o Nadal.
"Se abre no Nadal, vai ser complicado, porque non hai ameixa para tanta xente. Haberá para uns quilos, pero non coma outros anos", prevé Óscar. Fan mostraxes para avaliar a situación, para saber "canto se pode apañar, cantos poden ir e canto pode durar a campaña", di.
E van preparando as campañas seguintes. Completaron agora a sementeira dun millón 700.000 pezas, a metade nas zonas de marisqueo en embarcación, e a metade nos bancos de a pé.
Eran de tamaño grande, así que esperan poder recollelas en cousa dun ano. Iso se vai mellor que a sementeira do ano pasado.
"Sementouse moitísimo marisco, e a babosa non apareceu", di Lino Díaz, patrón maior de Vilanova.
A ameixa babosa fallou, e a xapónica resistiu mellor, pero a talla "non dá desenvolvido", di Lino.
"Vai moi lento, o marisco que antes se servía nun ano, agora fanlle falta dous", lamenta.
Xa teñen prevista outra sementeira en xaneiro, para seguir rexenerando o marisqueo na Arousa.