Estrada chea de fochancas en Punxín
Os veciños denuncian o atraso das obras para arranxar os accesos á aldea de Figueiroa
Para chegar a aldea de Figueiroa, en Punxín, é imprescindible circular por unha estrada chea de fochancas. Os veciños levan máis dun ano queixándose do seu estado. Varios deles xa rebentaron as rodas nuns buratos que, co paso do tempo, se fan máis grandes e perigosos. Servizos como o repartimento do pan ou venda ambulante de peixe ameazan con deixar de ir.
Dende o concello de Punxín, conscientes da situación, conseguiron fondos e licitaron o arranxo, pero as obras seguen sen comezar a pesar de estar a piques de rematar o prazo de execución. A empresa atribúe o atraso a distintos problemas como a falta de material ou de traballadores.
Os veciños temen que coa chegada da chuvia o mal estado dos accesos vaia a máis e o acondicionamento da estrada quede sen executar.