O novo enlace Pontevedra norte da AP-9 encarece ata os 11 millóns
Prevese a construción dunha nova glorieta na PO-531, que permitirá manter o acceso cara a Vigo para os vehículos procedentes de Vilagarcía sen necesidade de atravesar a glorieta dos bombeiros
A remodelación do acceso á AP-9 no enlace coñecido como Pontevedra norte encarecerá ata rozar os 11 millóns de euros, un 14,9 % máis do previsto inicialmente polo Ministerio de Transportes.
Estas obras, paralizadas desde novembro de 2024, retomaranse a finais desta semana tras a aprobación dun proxecto modificado que deu solución aos problemas detectados durante a primeira fase destes traballos.
Estas modificacións resolven os problemas de cimentación do proxecto orixinal e melloran as circulacións na zona despois dun exhaustivo estudo de tráfico.
O novo prazo de execución, unha vez corrixido o proxecto, sitúa a mediados do ano 2028 a finalización destas obras de remodelación.
O obxectivo destes traballos, cuxo custo se incrementará en 1,4 millóns máis, é optimizar a conexión norte de Pontevedra coa AP-9 e a estrada autonómica PO-531 desde a rúa Domingo Fontán e a ponte das Correntes.
Ademais, a partir dun exhaustivo estudo de tráfico, os redactores do proxecto realizaron diversos axustes no deseño da actuación co obxectivo de mellorar a mobilidade e incrementar a capacidade do nó viario.
Así, prevese a construción dunha nova glorieta na PO-531, que permitirá manter o acceso cara a Vigo para os vehículos procedentes de Vilagarcía sen necesidade de atravesar a glorieta dos bombeiros.
Tamén se unificará a rasante da PO-531 ao longo do ámbito de actuación, mellorando as condicións de circulación e a integración da infraestrutura.
O novo deseño tamén contempla a conservación do actual ramal sobre a AP-9, inicialmente previsto para a súa demolición, para os movementos de saída da autoestrada e, complementariamente, instalaranse semáforos intelixentes para evitar retencións.
O proxecto modificado redeseñou a nova ponte sobre a AP-9, en Domingo Fontán, e revisouse a sección transversal da estrutura xa existente para manter o ancho da senda peonil prevista.
A Subdelegación do Goberno acollerá unha reunión técnica o vindeiro martes para coordinar o plan de tráfico e optimizar o servizo público, en colaboración con todas as administracións implicadas, particularmente os concellos de Poio e Pontevedra.