Publicador de contidos

Publicador de contidos

A China e a UE alcanzan acordo sobre híbridos e terras raras durante a visita do comisario de Comercio a Pequín

A China e a UE alcanzan acordo sobre híbridos e terras raras durante a visita do comisario de Comercio a Pequín

Destacan os avances en comercio, investimento, controis de exportación, propiedade intelectual e reforma da Organización Mundial do Comercio (OMC)

O comisario Maros Sefcovic co ministro de comercio chinés, nunha imaxe de arquivo (LUKASZ KOBUS/EUROPEAN COMMISSION) O comisario Maros Sefcovic co ministro de comercio chinés, nunha imaxe de arquivo (LUKASZ KOBUS/EUROPEAN COMMISSION)
G24.gal 09/10/2026 15:05

A China e a Unión Europea (UE) chegaron a consensos sobre o comercio de vehículos híbridos e o establecemento dunha "canle verde" para exportacións chinesas de terras raras a Europa, tras dous días de diálogo en Pequín entre os seus máximos responsables de Comercio.

As conversacións entre o comisario europeo de Comercio, Maros Sefcovic, e o titular chinés deste departamento, Wang Wentao, resultaron en avances en comercio, investimento, controis de exportación, propiedade intelectual e reforma da Organización Mundial do Comercio (OMC), segundo a carteira chinesa de Comercio.

Entre os puntos difundidos pola parte chinesa figuran explorar a redución de aranceis sobre algúns produtos, un "entendemento" sobre o comercio de vehículos híbridos, unha "canle verde" para exportacións chinesas de terras raras a Europa e un diálogo técnico sobre o regulamento europeo de subsidios estranxeiros.

A listaxe supón o primeiro balance concreto da visita de Sefcovic a Pequín, marcada polas esixencias europeas de resultados "tanxibles" para reequilibrar unha relación comercial que Bruxelas considera "insostible".

"Tras intensas consultas, ambas as partes alcanzaron un entendemento sobre o comercio de vehículos híbridos dunha forma compatible coas normas da Organización Mundial do Comercio (OMC)", sinala o comunicado oficial de Pequín, que destaca o acordo previo de prezos sobre os vehículos eléctricos.

Tamén acordaron manter o diálogo sobre o acceso ao mercado dos dispositivos médicos e "continuar as consultas sobre os seus respectivos marcos regulatorios de cosméticos e medicamentos para seguir resolvendo os problemas de acceso ao mercado existente e aos que xurdan".

Segundo o Ministerio, a UE acolleu con satisfacción as medidas da China para ampliar as importacións de dispositivos médicos da UE.

En materia de controis sanitarios, China aceptou -sobre a base de avaliacións de risco- "acelerar o recoñecemento do principio de rexionalización para os Estados membro da UE que cumpran os requisitos".

Tamén pactaron "explorar conxuntamente vías para levantar as restricións impostas pola China a determinados estados membros pola lingua azul e que afecta entre outros países a Bélxica e Países Baixos.

Ademais, a China e a UE iniciarán un diálogo técnico sobre o Regulamento da UE sobre Subvencións Estranxeiras (FSR, polas súas siglas en inglés).

Na área de control de exportacións, "ambas as partes alcanzaron un entendemento para notificarse con antelación antes de incluír entidades nas súas listas, aumentar a transparencia dos procedementos de inclusión e exclusión, e apoiar o inicio de procedementos de exclusión conforme aos seus respectivos marcos xurídicos".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade