Publicador de contidos

Publicador de contidos

A fin do "segundo convenio": entra en vigor a obriga de dar máis información ao asinar un contrato

A fin do "segundo convenio": entra en vigor a obriga de dar máis información ao asinar un contrato

España traspón a directiva europea que esixe as empresas incluír detalles sobre as condicións do traballo

Os sindicatos cren que reforza os dereitos laborais e a patronal pensa que aumentará a burocracia

G24.gal 06/10/2026 14:18

Máis luz sobre os contratos.

Entra en vigor o real decreto polo que España traspón a directiva da Unión Europea que modifica a información que debe figurar nun contrato laboral. A partir de agora, as empresas deben transmitir moitos máis datos.

Algúns son conceptos básicos, como a duración do contrato, o horario ou o salario e as variables. Pero Europa tamén esixe moitas máis aclaracións: dende o contido do posto ou a tarefa que se vai realizar, pasando polo convenio que se aplica, ata cousas menos habituais como o plan de igualdade que ten a compañía ou cal é a mutua que lles corresponde.

Xa non será válido resumir a información coa fórmula, moi común ata agora, de "segundo convenio".

"O descoñecemento sobre os convenios colectivos é alarmante. E é básico, porque todo o que ten que ver cos nosos dereitos, e tamén cos nosos deberes, vén nos convenios", sinala Bárbara Fernández, asesora sindical na delegación de Comisión Obreiras en Vigo.

Unha das grandes novidades afecta aos períodos de proba. Agora, as empresas terán que argumentar, previamente, canto dura esa etapa e, atención, que aspectos se van ter en conta na avaliación. Despois deberán remitirse a eses puntos para xustificar se a persoa pasa ou non a proba.

"Iso queda totalmente encorsetado. Será máis difícil rescindir nese período cando era unha liberdade que tiña a empresa para facer unha boa selección da persoa", cuestiona o secretario xeral da Confederación de Empresarios de Pontevedra, Jesús Castiñeira.

Porque os empresarios pensan que a norma suporá máis burocracia, e máis custos, sobre todo para as pequenas empresas, entre outras cousas porque ten efecto retroactivo.

As persoas que xa estean contratadas tamén teñen dereito a pedir detalles sobre a súa relación laboral. Se no caso dos novos contratos, as empresas teñen só cinco días para facilitar os datos esenciais, para os xa contratados o prazo é dun mes.

A información, ademais, ten que facilitarse por escrito, ese é un requisito firme.

"Veñen moitos traballadores que non saben o convenio que lles aplican. Entón, pregúntaslles cantos días de vacacións teñen ou outras materias que están no convenio e non o saben dicir", asegura o secretario de organización de CC. OO. na comarca de Vigo, Miguel González.

E unha última novidade: as empresas que usen algoritmos ou sistemas automatizados de toma de decisións para organizar o traballo (horarios ou salarios, por exemplo) deben contalo e explicar tamén as pautas e as regras que seguen nesa actividade.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade