A Xunta aproba o protocolo para potexer as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar
O Consello da Xunta tamén deu luz verde ao concerto social para a xestión do Programa Básico

O Consello da Xunta aprobou este luns o protocolo para protexer ás traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), como xa anunciara no Parlamento o presidente da Xunta, Alfonso Rueda.
O novo protocolo, que agora se vai tasladar á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ao tratarse o SAF dun servizo municipal, pretende atallar casos de violencia que poidan sufrir estas traballadoras, na súa maioría mulleres, mentres realizan as súas funcións de asistencia, xa sexa esa violencia de tipo física, psicolóxica ou sexual.
Da redacción do protocolo encargouse o Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia (ISSGA), dependente da Consellería de Emprego, e agora a súa implantación corresponderá aos concellos e á Consellería de Política Social.
Entre as medidas previstas neste protocolo, segundo destacou o presidente da Xunta, está "a realización da avaliación de calquera risco que se poida producir nos domicilios, especialmente naqueles que poidan ser máis conflitivos, prevendo acompañamentos temporais da profesional do SAF, no caso de que sexa necesario, e rexistrar e dar seguimento a todos os incidentes que se produzan".
Programa Básico
O Consello da Xunta tamén aprobou reformar o concerto social para a xestión do Programa Básico para dotalo de máis estabilidade e flexibilidade.
Este programa que se xestiona xunto á Administración Central contará cun investimento de 24 millóns en catro anos, cunha previsión de que 8.000 persoas se beneficien do programa.
Vai facilitar, entre outras medidas, a obtención dunha tarxeta moedeiro destinada aos colectivos máis vulnerables. Terán unha contía de entre 130 e 260 euros mensuais para mercar produtos de hixiene e alimentación.
Alfonso Rueda destacou, na presentación destas medidas, que Galicia "avanza na erradicación da pobreza", e sinalou que "Galicia é a única comunidade de España que cumpre cos obxectivos de desenvolmento sostible fixados pola Organizacion de Nacións Unidas".