Publicador de contidos

Publicador de contidos

A Xunta establecerá rebaixas fiscais por ceder bens a cambio de coidados e exencións en axudas

A Xunta establecerá rebaixas fiscais por ceder bens a cambio de coidados e exencións en axudas

As axudas da Xunta de 12.000 euros para os enfermos de ELA quedarán "exentas de tributación"

A cesión de bens a cambio de coidados para toda a vida "terá unha repercusión fiscal o máis baixa posible"

A medida, aprobada na reunión do Goberno galego deste luns, quedará recollida nos orzamentos de 2026

A Xunta aproba o protocolo para potexer as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar

EFE/Xoán Rey
G24.gal 13/10/2025 15:33 Última actualización 13/10/2025 16:14

A Xunta vai establecer nos orzamentos para o ano que vén, cuxo proxecto se aprobará nos próximos días, rebaixas fiscais para as persoas maiores que cedan bens a cambio de coidados para toda a súa vida, así como unha exención de tributación nas axudas polos incendios e para os enfermos de ELA.

Así o anunciou Alfonso Rueda, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, na que especificou que tamén se manterán as rebaixas fiscais dos anos anteriores e que o próximo ano aplicarase a desgravación anunciada no Debate sobre o estado da autonomía para a compra de material escolar.

Rueda asegurou que estas rebaixas fiscais realizaranse "con sentidiño", polo que serán compatibles "co mantemento da prestación dos servizos esenciais".

Entre as rebaixas anunciadas, atópase a que afecta o contrato de vitalicio -unha figura contemplada no Dereito Civil galego- polo que unha ou varias persoas obríganse respecto a outra ou outras "a prestar alimentos", nos termos que conveñan, a cambio da cesión de determinados bens ou dereitos.

Esa prestación alimenticia, segundo a normativa, deberá comprender "o sustento, a habitación, o vestido e a asistencia médica, así como as axudas e coidados, incluso os afectivos, adecuados ás circunstancias das partes".

Esta cesión de bens a cambio de coidados tributa como unha doazón e a previsión da Xunta é "establecer condicións máis vantaxosas" para que estas persoas que ceden os seus bens para ser coidadas "teñan unha repercusión fiscal o máis baixa posible", puntualizou Rueda.

Ademais, os orzamentos autonómicos de 2026 recollerán a "exención de tributación" das axudas que a Xunta ten establecidas para os enfermos de ELA, por unha contía de 12.000 euros anuais, para que toda esta cantidade "vaia para a persoa" que a necesita.

Igualmente, o Goberno galego establecerá as medidas para que as axudas concedidas para paliar os efectos dos incendios forestais "non teñan que tributar" e os beneficiarios poidan recibilas "integramente".

O presidente galego defendeu a política fiscal da Xunta e lembrou o seu compromiso de "non subir ningún imposto e se é posible rebaixalos", polo que para 2026 van manter "todas as rebaixas fiscais de anos anteriores" e engádense outras novas, "sempre con responsabilidade", afirmou. 

Segundo engadiu durante a súa exposición, se a Xunta detectase que as rebaixas fiscais ían comprometer a prestación duns servizos públicos de calidade "non tomaría" esta decisión.

O Consello da Xunta deste luns aprobou unha nova liña de axudas polos incendios, neste caso para compensar aos establecementos turísticos que sufriron cancelacións de reservas. A contía será de ata 2.500 euros que se concederán en función da comparativa de facturación entre este verán e os anteriores.

As novas axudas poderán solicitarse a partir do 24 de outubro e trátase dunha convocatoria coa que se completa as xa arbitradas para os damnificados polas perdas das súas casas, negocios ou outros conceptos.

Rueda aproveitou para reclamar ao Goberno que habilite as axudas anunciadas pola súa banda para os afectados polos incendios que "a día de hoxe seguen sen convocarse", recriminou.

Para facer fronte aos efectos da onda de incendios en Galicia, a Xunta tamén autorizou reprogramar 30 millóns de euros dos fondos europeos Feder para destinalos á recuperación de zonas afectadas polos incendios.

A repartición destes fondos realizarase a través de convenios cos concellos para reconstrución de infraestruturas públicas, substituír equipamento e material danado, e mellorar bases aéreas da Xunta para a loita contra os incendios, como as de Sandiás, Valga e O Campiño.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade