Rueda reunirase co presidente de Aena para abordar a "coordinación" aeroportuaria en Galicia
O encontro chega tras a marcha de Ryanair e pola competencia do aeroporto do Porto
O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, reunirase a semana que vén co presidente de Aena, Maurici Lucena, para trasladarlle a necesidade dunha "coordinación" aeroportuaria en Galicia, despois da marcha de Ryanair e ante a competencia do aeroporto do Porto.
Rueda informou deste encontro, que se celebrará en Santiago de Compostela, na súa comparecencia tras o Consello da Xunta, na que considerou que non se pode comparar a situación do aeroporto luso, como un dos "centrais" de Portugal que ten tres para 10 millóns de habitantes, coa dos galegos que son "periféricos" e tres aeródromos para menos de 3 millóns de persoas.
En todo caso, insistiu en que o que hai que tentar é unha "coordinación" e iso é o que trasladou ao ministro de Transportes, Óscar Puente, no recente Foro da Toja, á parte de que a Xunta "non teñen ningún interese en confrontar con Aena", senón en establecer unha cooperación "baixo o paraugas" do xestor público das infraestruturas aeroportuarias, xa que o Goberno é o que ten a competencia nesta materia.
Á parte desta coordinación, Rueda destacou a importancia da promoción de Galicia como destino turístico, en lugar de subvencionar os voos, xa que considera que precisamente a esta promoción débese a decisión da compañía United Airlines de realizar voos de Santiago a Nova York a partir de maio.