Publicador de contidos

Publicador de contidos

Ryanair eleva a 1,2 millóns o recorte de prazas nos aeroportos rexionais españois

Ryanair eleva a 1,2 millóns o recorte de prazas nos aeroportos rexionais españois

Pide unha rebaixa das taxas aeroportuarias do 50 %, e pechará todos os voos a Asturias

Pola contra, anuncia o aumento de 600.000 prazas nos aeroportos de Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca, e colocará os 25 novos avións que recibirá ata febreiro en aeroportos máis rendibles

Aena defende que as súas tarifas son "moi competitivas" e que outras compañías ocupan ocos deixados por Ryanair

Arquivo (Europa Press)
G24.gal 08/10/2025 15:53

A aeroliña irlandesa de baixo custo Ryanair recortará finalmente 1,2 millóns de asentos para a tempada de verán 2026 nos aeroportos rexionais de España, para os que pide unha rebaixa das taxas aeroporturias do 50 %, e pechará todos os voos a Asturias.

O conselleiro delegado (CEO) de Ryanair, Michael O'Leary, anunciou este recorte nunha rolda de prensa en Madrid, na que avanzou tamén o aumento de 600.000 prazas nos aeroportos de Madrid, Barcelona e Palma de Mallorca.

Ryanair xa falara dun recorte de prazas en setembro pasado, que entón cifrou nun millón, e agora concreta que serán 1,2 millóns. Súmanse ao millón de prazas que rebaixara na pasada tempada de inverno.

Para O'Leary, ademais de reverter a subida do 6 % (0,68 céntimos) nas taxas para 2026 aprobada por Aena, o xestor debería baixar as taxas nos aeroportos rexionais un 50 % para incentivar o tráfico, especialmente en aeroportos como os de Valladolid e Xerez da Fronteira, que eliminara da súa programación do verán pasado.

Ademais destes, para a campaña de inverno deste ano sacou dos seus plans a Vigo e Tenerife Norte e agora, para o verán de 2026, elimina tamén Asturias.

Admite que todas as rutas son rendibles

Aínda que en ningunha das súas rutas a compañía perde diñeiro, segundo admitiu o CEO, colocará os 25 novos avións que recibirá ata febreiro próximo en aeroportos máis rendibles.

Asegurou que a aeroliña de baixo custo está trasladando a súa capacidade de prazas a aeroportos de menor custo en Marrocos, Italia, Croacia, Albania e Suecia, onde os gobernos están a suprimir impostos ambientais e reducindo taxas, segundo O'Leary.

No caso de Francia, onde tamén anunciou recortes de capacidade, a situación é "igual de mala que en España".

O máximo executivo de Ryanair asegurou que presentaron dous plans de crecemento ao Goberno e a Aena, incluíndo algúns dos aeroportos que agora pechan, cos que aumentarían o tráfico un 40 % para 2030, ata 77 millóns de pasaxeiros, aínda que o Executivo "decidiu sacrificar o crecemento potencial e a creación de emprego".

As rexións españolas, di, poden crecer, pero necesitan un Goberno comprometido co crecemento a través da redución do custo dos voos cara a e desde as rexións.

É preciso tamén, na súa opinión, que o ministro de Consumo, Pablo Bustinduy, "protexa" aos consumidores poñendo fin ao crecemento dos sobreprezos das axencias de viaxes en liña e que respecte a lexislación da Unión Europea e as sentenzas do Tribunal de Xustiza da UE que "impiden claramente" aos gobernos nacionais interferir na forma en que as aeroliñas fixan os prezos dos asentos ou a equipaxe de man.

Aena di que ten "tarifas competitivas"

O vicepresidente executivo de Aena, Javier Marín, sinalou este mércores que as tarifas aeroportuarias en España "son moi competitivas", polo que hai outras aeroliñas que van ocupando os ocos deixados por Ryanair.

Isto, sinalou, "non é unha noticia nova", xa que dá continuidade aos recortes de prazas anunciados pola baixo custo para a pasada tempada de verán e a presente de inverno en aeroportos rexionais en protesta contra as "altas" tarifas de Aena, que fan pouco competitivos estes aeroportos.

"As compañías deciden libremente onde poñer os seus avións", sinalou, engadindo que Aena seguirá traballando coas institucións rexionais, coas iniciativas de promoción e cos incentivos que teñen aplicados, xa que o sistema aeroportuario español é "moi competitivo".

Así mesmo, resaltou que España posicionouse como un dos países do mundo con máis tráfico aéreo, polo que non poden pensar "soamente nunha compañía", senón en todas as aeroliñas que "afortunadamente confían no sistema aeroportuario español".

Con todo, reiterou que a subida de taxas á que fai referencia Ryanair é duns 30 céntimos por pasaxeiro, polo que é "evidente" que a razón pola que quitou os avións nestes aeroportos para poñelos noutros "non é unha decisión baseada nas taxas aeroportuarias".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade