Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aena, Xunta e concellos traballarán para impulsar medidas que eviten a perda de rutas e de viaxeiros

Aena, Xunta e concellos traballarán para impulsar medidas que eviten a perda de rutas e de viaxeiros

A creación deste grupo de traballo foi o principal acordo da xuntanza do comité de coordenación aeroportuaria de Galicia

A Xunta rexeita subvencionar prazas 

G24.gal 03/10/2025 14:35 Última actualización 03/10/2025 17:23

O comité de coordinación aeroportuaria de Galicia reuniuse este venres en Vigo sen avances nin acordos significativos.

Os representantes municipais falaron de "decepción" e a Xunta apelou á implicación de Aena, que se limitou a destacar os seus investimentos e a lembrar que a promoción turística é competencia autonómica.

O encontro, de algo máis dunha hora e media, contou coa presenza do conselleiro de Presidencia, Diego Calvo; a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín; o concelleiro coruñés de Turismo, Gonzalo Castro; a tenente de alcaldesa de Vigo, María José Caride, e a edil de Turismo, Yolanda Aguiar; o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco; o secretario xeral de Transporte Aéreo e Marítimo, Benito Núñez; e o presidente da CEG, Juan Manuel Vieites.

A reunión serviu para repetir o diagnóstico xa coñecido —perda de pasaxeiros nas terminais galegas, competencia do Porto e necesidade de coordinación— e acordar a creación dun grupo de traballo que aínda non ten data para comezar.

Os representantes municipais piden evitar a competencia entre as terminais galegas

A rexedora de Santiago, Goretti Sanmartín, lamentou que se seguisen repetindo as mesmas ideas dos dous últimos anos e reclamou unha planificación con visión de país que evite a competencia entre terminais galegas e aposte pola complementariedade.

A tenente de alcaldesa de Vigo, María José Caride, centrou as críticas na Xunta, á que acusou de "poñerse de perfil" e de non actuar como noutras comunidades.

Tamén sinalou que Turgalicia negociou cinco voos chárter desde Alvedro e ningún para Vigo ou Santiago, extremo que o conselleiro Diego Calvo negou.

O concelleiro coruñés Gonzalo Castro insistiu na necesidade de coordinación autonómica e advertiu de que uns dous millóns de viaxeiros ao ano escollen O Porto pola falta de estratexia en Galicia.

A Xunta reclama un papel máis activo de Aena

O conselleiro Diego Calvo subliñou que as competencias de coordinación aeroportuaria son do Estado e pediu a Aena que sexa "moito máis proactiva".

Criticou que non poida facer nada coa subida de taxas e pediu unha diferenciación segundo as características de cada aeroporto.

A Xunta comprometeuse a achegar datos e a manter as súas accións de promoción turística, pero rexeita subvencionar prazas de baixo custo.

Calvo lembrou que Aena obtivo en 2024 uns beneficios de 1.900 millóns de euros e reclamou que explique como pensa actuar ante a fuga de viaxeiros cara ao Porto.

A patronal pide especialización

O presidente da CEG, Juan Manuel Vieites, pediu "máis complementariedade" e "especialización funcional" dos aeroportos galegos.

Considerou un paso positivo a creación dun grupo de traballo e advertiu de que o "gran competidor é O Porto", polo que urxe traballar coordinados con Xunta e concellos para mellorar a promoción.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade