Publicador de contidos

Publicador de contidos

Desarticulada unha rede de “narcos invisibles” con dez toneladas de cocaína

Desarticulada unha rede de “narcos invisibles” con dez toneladas de cocaína

A operación da UCO e a Fiscalía Antidroga remata con cinco detidos, tres deles en España e dous en Colombia

“Non aparecen en investigacións tradicionais nin participan directamente na loxística, empregando intermediarios e testaferros para evitar ser detectados”

G24.gal 08/10/2025 18:20

A Garda Civil desmantelou, en colaboración coa Policía Nacional de Colombia, unha organización criminal internacional de “narcos invisibles” vinculada ao poderoso Clan do Golfo, responsable de introducir máis de 120 toneladas de cocaína ao ano en Europa a través dos principais portos de Holanda, Bélxica e España.

A investigación, desenvolvida pola Unidade Central Operativa (UCO) e dirixida pola Fiscalía Especial Antidroga da Audiencia Nacional, permitiu intervir dez toneladas de cocaína en distintas operacións e deter cinco persoas de nacionalidade colombiana.

O operativo, iniciado en 2022, identificou varios destes narcos encargados de coordinar e organizar o tráfico masivo de droga cara aos portos europeos.

Perfís discretos e estruturas empresariais falsas

Segundo explicou a Garda Civil, estes narcotraficantes caracterízanse por evitar calquera exposición pública e operar tras estruturas empresariais aparentemente legais. “Non aparecen en investigacións tradicionais nin participan directamente na loxística, empregando intermediarios e testaferros para evitar ser detectados”, sinalaron.

A operación, denominada Gulupa, centrouse en desarticular este entramado de perfís baixos e con gran mobilidade internacional.

O resultado foron cinco detidos —tres en España e dous en Colombia— considerados obxectivos de alto valor, ademais de sete rexistros simultáneos nos dous países.

A UCO considera que a rede mantivo alianzas con organizacións criminais locais en Panamá, Ecuador, Costa Rica e República Dominicana, empregando estes territorios como plataformas de tránsito para enviar cocaína a clientes europeos. Os investigadores destacan tamén o contacto directo cos provedores do Clan do Golfo, unha das maiores organizacións criminais do mundo, o que lles aseguraba a subministración constante de droga.

Branqueo de capitais e criptomoedas

Dentro da rede, existía un grupo dedicado en exclusiva ao branqueo de capitais, mediante sociedades offshore e transaccións con criptomoedas. Detectáronse movementos activos por un total estimado de 700 millóns de dólares.

As comunicacións interceptadas na aplicación encriptada Sky ECC permitiron acreditar a estrutura da organización, o seu funcionamento e a súa capacidade operativa, ademais de vinculala a múltiples incautacións de cocaína.

A operación foi executada polo Grupo Central Antidroga da UCO e pola Dirección de Intelixencia Policial de Colombia (DIPOL), con coordinación de Europol e da Unidade Técnica de Policía Xudicial (UTPJ) a través do proxecto GDIN. Na fase final colaboraron tamén a Policía Xudicial e a Compañía da Garda Civil de Eivisa.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade