Publicador de contidos

Publicador de contidos

Laureano Oubiña nega integrar unha rede de narcotráfico en Asturias

Laureano Oubiña nega integrar unha rede de narcotráfico en Asturias

Oubiña atribuíu a súa vinculación ao sumario pola investigación da Garda Civil, ao manter tres reunións e establecer chamadas telefónicas cun dos acusados, que se desprazou a Galicia para pedirlle axuda para un familiar

Primeira xornada dun xuízo con 22 persoas acusadas, das que 18 recoñeceron a súa participación e aceptaron penas individuais de dous a catro anos e nove meses de cárcere

Laureano Oubiña á saída do primeiro día de xuízo por tráfico de drogas celebrado este martes 23 de setembro en Oviedo (Juan Vega) Laureano Oubiña á saída do primeiro día de xuízo por tráfico de drogas celebrado este martes 23 de setembro en Oviedo (Juan Vega)
G24.gal 23/09/2025 15:36

O exnarcotraficante galego Laureano Oubiña negou este martes formar parte dunha rede de tráfico de cocaína a grande escala en Asturias, na primeira xornada dun xuízo con 22 persoas acusadas, das que 18 recoñeceron a súa participación e aceptaron penas individuais de dúas a catro anos e nove meses de cárcere.

"Non teño nada que ver con todo isto", dixo Oubiña na Audiencia Provincial de Oviedo onde comezou a vista oral do xuízo sobre un asunto que remonta a 2017, e que a Fiscalía considerou constitutivo de delitos contra a saúde pública por tráfico de drogas e por branqueo de capitais.

No seu testemuño ante a sala, Oubiña atribuíu a súa vinculación ao sumario pola investigación da Garda Civil, ao manter tres reunións e establecer chamadas telefónicas cun dos acusados, que se desprazou a Galicia para pedirlle axuda para un familiar que estaba no cárcere.

A Fiscalía, que inicialmente pedía penas individuais de tres anos e medio e dezaseis anos de prisión e multa de 688.000 euros, aceptou rebaixalas a entre 2 a 4 anos e nove meses, polas demoras do procedemento, que data de 2017, e pola situación dos procesados, que non cometeron delitos desde esa data, están en tratamentos de desintoxicación e teñen traballo e familias.

Cocaína valorada en case 200.000 euros

Na operación interceptouse cocaína por valor de case 200.000 euros, resina de cánnabis, heroína, diñeiro en efectivo e armas en perfecto estado e funcionamento, ademais de anotacións contables que reflicten grandes movementos de adquisición de drogas para a súa posterior distribución.

O Ministerio Fiscal sostén que, desde polo menos xullo de 2017, cinco dos procesados formaban parte dunha organización dedicada ao tráfico de drogas en Asturias, principalmente de cocaína, e facíano de forma xerarquicamente ordenada, cunha estrutura e funcións perfectamente definidas e mantidas no tempo.

Segundo o escrito de acusación, os procesados tiveron á súa disposición medios materiais e económicos relevantes cos que levar a cabo unha actividade ilícita; adoptaron importantes medidas de seguridade; usaron armas de fogo municionadas e vehículos a nome de terceiros; distribuíron estupefacientes en grandes cantidades e obtiveron importantes beneficios económicos.

O 8 de novembro de 2017 foi interceptado na autovía do Cantábrico, á altura de La Caridad (El Franco), un vehículo da organización en que se atoparon, baixo o tapizado, catro paquetes plastificados dun peso de 4,1 quilos con cocaína dunha riqueza de 78,5 %, droga valorada en case 165.000 euros.

Ademais desta droga, en diversos rexistros practicados durante a operación aprehendeuse cocaína por valor superior a 27.000 euros, xunto con resina de cánnabis, heroína, diñeiro en efectivo e armas en perfecto estado e funcionamento.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade