A macrooperación do Salnés e a Arousa golpea os clans galegos ligados aos Balcáns
Marcelino Baloiras volve ao cárcere e os sobriños do patriarca dos Charlíns quedan libres con medidas cautelares
Un alixo de case cen quilos de cocaína interceptado en maio nun coche en Verín confirmou a implicación de tres organizacións
Foi un golpe gordo froito dunha investigación que comezou hai máis dun ano, con pequenos alixos que viaxaban de Galicia cara a Madrid... e un deles menos pequeno. 92 quilos de cocaína nun turismo preparado para transportar grandes cantidades de cocaína. Caeu supostamente por azar nun control de tráfico que non tiña tanto de casualidade. O coche estaba no radar da UDYCO II da Policía Nacional de Pontevedra. Buscaban a conexión do cártel dos Balcáns cos grandes clans galegos.
A Televisión de Galicia xa adiantou en maio que aqueles paquetes marcados pertencían a tres organizacións distintas e que podían ser o inicio dunha operación moito máis grande. Confirmouse esta semana. Vinte rexistros en vivendas, naves e negocios por todo o Salnés, pola Arousa, en Vigo e mesmo nun domicilio de Madrid.
O resultado, doce detidos, entre os que figuran clásicos do narcotráfico. Un deles, Marcelino Baloiras. O seu chalé foi o escenario dun dos dispositivos máis aparentes. Aínda non rematara de cumprir a última condena e volveu caer. Prisión comunicada e sen fianza para el e catro detidos máis.
Outros catro arrestados o martes quedaron en liberdade pero con comparecencias mensuais, retirada de pasaporte e prohibición de saír de España. Nesta situación están os dous sobriños xemelgos do xefe dos Charlíns. De momento! Porque os investigadores non cren que sexan peóns. Están convencidos de que teñen un papel relevante, de que están no máis alto da organización. Hai catro persoas máis que quedaron en liberdade.
O operativo deixa moi tocadas as organizacións galegas que traballan para as mafias dos Balcáns. O único punto negro desta operación foi a morte por disparo dun veciño de Cambados de 31 anos durante o rexistro da súa vivenda. A Garda Civil investiga que fallou.