Aviso especial de Aemet: a dina Alice trae xa este mércores chuvia moi forte
Afectarán o leste da Península e as Baleares
A Aemet recoñece unha "alta incerteza" na posición de Alice e recomenda un seguimento detallado da actualización das predicións nos próximos días
Suspendida a manifestación do 9 d'Outubro debido á alerta laranxa por choivas

A Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET) lanzou un novo aviso especial de fenómenos adversos en relación coa chegada da dina Alice esta mesma tarde no que advirte de choiva e chuvascos "moi fortes e persistentes" no terzo este peninsular e Baleares.
De acordo coas súas previsións, as precipitacións comezarán a última hora deste mesmo mércores e estenderanse polo menos ata o vindeiro luns 13 de outubro.
As primeiras choivas caerán no leste de Castela-A Mancha, interior da Comunidade Valenciana e norte de Murcia nas próximas horas e mañá xoves estenderanse, pola mañá, ao litoral valenciano e aos de Tarragona e Barcelona e, en horas posteriores, a Eivisa, Formentera, o resto de Murcia, metade oriental de Andalucía e o sur de Castela-A Mancha.
Estes chuvascos desprazaranse lentamente e poden rexenerarse coa achega de humidade en superficie, de maneira que irán acompañados con tormentas e saraiba, con intensidade forte ou moi forte, mesmo torrencial nas costas de Valencia, Alacante e as Pitiusas -Eivisa, Formentera e os illotes próximos.
A Comissió 9 d'Outubro acordou suspender a 'Manifestación da Diada do País Valencià' prevista para a tarde deste xoves na cidade de València, ante a alerta meteorolóxica e pola seguridade das persoas participantes.
Fin de semana pasada por auga
O venres 10 e o sábado 11 serán "os días álxidos do episodio" segundo a previsión da axencia, con ventos do nordés que alcanzarán a súa máxima intensidade e chuvascos máis intensos en Valencia, Alacante e Murcia, probablemente de intensidade torrencial e acumulados de 140 milímetros en 12 horas.
O domingo 12, o vento en superficie perderá intensidade pero continuará a inestabilidade en niveis medios e altos cos chuvascos máis intensos, fortes ou moi fortes, centrados no cabo da Nao e a desembocadura do Ebro, aínda que poderán alcanzar o interior da Comunidade valenciana, sueste de Aragón e Baleares.
A AEMET recoñece unha "alta incerteza" na posición de Alice e a súa interacción cos fluxos en superficie, o que determinará as zonas de maior adversidade en cada xornada, polo que recomenda un seguimento detallado da actualización das predicións nos próximos días.