Deteñen cando menos once persoas en relación cos máis de 3.500 quilos de cocaína localizados na Pobra
Deteñen cando menos once persoas en relación cos máis de 3.500 quilos de cocaína localizados na Pobra
A Policía leva a cabo rexistros en varias localidades buscando os responsables do alixo trasladado a Galicia nun narcosubmarino
Axentes da Policía Nacional, en colaboración coa DEA, a axencia estadounidense antidroga, están a realizar un operativo ás dúas beiras da ría de Arousa en relación ao alixo de máis de 3.500 quilos de cocaína localizados hai case dúas semanas na Pobra do Caramiñal.
Segundo transcendeu, polo momento hai dez detidos relacionados con esta operación policial e realizáronse 18 rexistros en Cambados, en Vilanova de Arousa, nun taller de embarcacións en Tragove, ademais de en Sanxenxo, A Pobra, Ribeira e Outes.
A droga sospéitase que foi trasladada a Galicia nun narcosubmarino e localizada en terra en dúas instancias: primeiro, uns 1.000 quilos, atopados o día 13 deste mes na Pobra do Caramiñal, e a restante, ata eses máis de 3.500 quilos, atopada no mesmo municipio ao día seguinte por axentes da Policía Local.
Nese momento foran detidas tres persoas, un cidadán ecuatoriano e dous colombianos, que xa están prisión. Suponse que son a parte máis feble de toda unha organización criminal, os que trasladaron o semisomerxible dende América do Sur.
Os responsables do operativo eran obxecto de investigación, que supostamente hoxe dá os seus froitos. Malia que a droga apareceu na Pobra, sospeitase que o seu destino estaba algo máis ao norte, probablemente en Muros.