Prisión sen fianza para os detidos pola incautación de 3.600 quilos de cocaína na Pobra
A xuíza aprecia risco de fuga e destrución de probas
A operación antidroga segue aberta, segundo o delegado do Goberno

En Muros, a xuíza decreta prisión provisional, comunicada e sen fianza para os tres detidos pola incautación de 3.600 quilos de cocaína nunha operación antidroga desenvolvida a pasada fin de semana no municipio coruñés da Pobra do Caramiñal.
Segundo informou o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), os tres están investigados por un delito de tráfico de drogas na categoría de especial gravidade pola cantidade e os medios empregados.
A resolución xudicial xustifica tamén a medida cautelar na apreciación de risco de fuga e de destrución de probas.
Este martes, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, confirmou que a investigación continúa aberta.