Buscan os responsables do alixo de cocaína que apareceu na Pobra
A droga apareceu na Pobra nunha operación chea de erros por parte dos narcos, pero suponse que se iniciou en Muros
Os tres detidos, un ecuatoriano e dous colombianos, son supostamente os tripulantes do semisomerxible e xa están en prisión
"É un golpe importante", sentencia Fernando Alonso, xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
Por cantidade, case catro mil quilos de cocaína, e polo método. Outro somerxible máis. Un método cada vez máis recorrente. Todo apunta a que este verán chegaron máis de cinco ao mes.
"Cos narcosubmarinos levamos un ano francamente preocupante e isto que vemos posiblemente sexa só a punta do iceberg dunha ruta perfectamente consolidada, que hai anos que está activa con tráfico de cocaína en semisomerxibles con destino a Galicia", explica Alonso.
Os tres detidos, un ecuatoriano e dous colombianos, xa están en prisión. Suponse que son a parte máis feble de toda unha organización criminal, os que trasladaron o semisomerxible dende América do Sur. Buscan os responsables da loxística en terra, dunha organización galega.
"Detrás de todo isto hai unha grande organización de narcotraficantes pero hai xente, como son os detidos, que se xogaban a vida a cambio dunha miseria por traer a droga ata Galicia", confirma o xerente da Fundación Galega contra o Narcotráfico.
De momento, todo son suposicións, porque os detidos gardaron silencio ante a xuíza e a policía nin confirma nin desmente á espera de avanzar na investigación. Pero, malia que a droga apareceu na Pobra, todo apunta a que hai relación con Muros.
"Distribúen o seu cargamento por distintos lugares da costa, en función das preferencias do momento e da presión policial que poidan detectar nun lado, pois pasan a outro", engade Fernando Alonso.
Non se sabe quen está detrás, pero parece que a policía xa lles seguía a pista, que esperaban esta descarga... por certo, chea de erros. Os narcos envorcaron o remolque nunha curva e a metade dos fardos quedaron ciscados alí mesmo. A outra metade deixárona a poucos metros, no medio duns matos e deixaron tirados os tres supostos peregrinos, que non tardaron en levantar sospeitas nun lugar coma a Pobra, onde o paso do helicóptero puxo á veciñanza en alerta.