Publicador de contidos

Publicador de contidos

O secretario do Concello avala a expulsión dos catro exedís do PSOE en Santiago

O secretario do Concello avala a expulsión dos catro exedís do PSOE en Santiago

O informe confirma que foron expulsados polo órgano competente do partido

O pleno municipal tratará este venres o seu paso a concelleiros non adscritos

César Arxina-Europa Press César Arxina-Europa Press
G24.gal 13/05/2025 19:18 Última actualización 13/05/2025 19:27

O secretario municipal do Concello de Santiago avala que a expulsión dos catro concelleiros apartados do PSOE -Mila Castro, Mercedes Rosón, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez- foi adoptada polo órgano competente do partido. Así o recolle un informe emitido o pasado 6 de maio, que tamén indica que procede dar conta ao pleno da nova condición dos edís como non adscritos.

Aínda que o documento considera válida a expulsión, matiza que a decisión final podería verse modificada por un “criterio superior en dereito”, xa que os catro concelleiros recorreron á xustiza e solicitaron medidas cautelares para evitar a súa saída do Grupo Municipal Socialista.

O secretario lembra que a Lei de bases do réxime local establece que serán considerados concelleiros non adscritos aqueles que non formen parte do grupo da formación coa que concorreron ás eleccións. Engade que, cando a maioría dun grupo municipal abandona ou é expulsada do partido, son os concelleiros que permanecen na formación -neste caso, Gumersindo Guinarte e Marta Aval- os lexítimos integrantes do grupo.

O informe tamén insiste en que o Concello non pode cuestionar a legalidade interna das decisións do partido, mais considera que as resolucións da Comisión Executiva Federal do PSOE contan con motivación suficiente e foron ditadas polo órgano correspondente.

Sen opción de grupo mixto

O secretario descarta a posibilidade de que os catro edís poidan formar parte dun grupo mixto, xa que a normativa só contempla esta opción para os concelleiros que participasen nas eleccións con formacións que non acadaron os dous representantes necesarios para constituír grupo propio.

O pleno extraordinario para formalizar a nova condición dos catro concelleiros celebrarase este venres ás 9:00. No primeiro punto do orde do día aprobarase o pase a non adscritos de Castro, Rosón, Muíños e Álvarez. A continuación, modificarase a composición das comisións e tratarase a rectificación de erros no acordo do cadro de persoal para 2025. Por último, debaterase a aprobación da ordenanza fiscal que regulará a taxa turística.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade