Dimite a secretaria de Igualdade do PSdeG tras criticar a xestión do caso Tomé
Silvia Fraga reprocha á dirección non contar con ela no primeiro comunicado do partido
Lara Méndez e Silvia Fraga na presentación do decálogo de medidas de loita contra o machismo. EFE/PSdeG
A secretaria de Igualdade do PSdeG, Silvia Fraga, presentou a súa dimisión durante a reunión da Executiva Nacional dos socialistas galegos celebrada este venres, tras expresar críticas pola xestión do partido no caso das denuncias contra o ata agora presidente da Deputación de Lugo, José Tomé.
Segundo fontes da dirección do PSdeG, Fraga reprochou que a cúpula da formación non consultase con ela o primeiro comunicado emitido polo partido despois de transcender as denuncias.
Este xoves reuniuse a Comisión de Igualdade do PSdeG, encabezada por Fraga e coa participación da secretaria de Organización, Lara Méndez.
Nesa reunión abordaron a xestión do caso e aprobaron un manifesto no que reclamaron máis garantías internas fronte a condutas machistas.
Fontes presenciais na reunión dixeron que a dirixente socialista asegurou que abandonaba porque "lle quedaron moitas cousas por pelexar". Agradeceu que a invitaran a formar parte dos órganos de dirección e trasladou que "sempre traballou con autonomía", un feito que a veces lle fixo sentirse illada e fóra do núcleo duro.