Publicador de contidos

Publicador de contidos

O PP denuncia a alcaldesa de Guitiriz por supostas irregularidades no cobro de dietas

O PP denuncia a alcaldesa de Guitiriz por supostas irregularidades no cobro de dietas

Acusa a rexedora de sufragar con diñeiro público unha viaxe privada e de cobrar a asistencia a unha xunta de Goberno cando estaba en Portugal

Comparecencia dos representantes do PP para explicar a denuncia presentada contra a alcaldesa socialista de Guitiriz Comparecencia dos representantes do PP para explicar a denuncia presentada contra a alcaldesa socialista de Guitiriz
G24.gal 23/02/2026 17:47

Os concelleiros do Partido Popular de Guitiriz presentaron unha denuncia contra a alcaldesa da localidade, Marisol Morandeira (PSOE), por suposta falsidade documental, prevaricación administrativa e uso indebido de fondos municipais.

Así o confirmou o portavoz popular, José Manuel López Rodríguez, nunha comparecencia pública, en que estivo acompañado polo secretario xeral do PP na provincia de Lugo, Javier Vázquez Nodal. Entre os asistentes atopábanse tamén os deputados provinciais Antonio Ameijide, Demetrio Salgueiro, José Ángel Santos, Armando Castosa e José Pardo.

Segundo relatou o portavoz popular, a denuncia fundaméntase nunha viaxe realizada pola rexedora a Águeda, en Portugal, entre os días 9 e 11 de decembro de 2025. Tratábase, indicou, dun desprazamento de carácter privado e lúdico, organizado por unha asociación, ao que a alcaldesa acudiu a título persoal. O custo da viaxe ascendía a 250 euros en cuarto dobre e pensión completa, cun suplemento de 60 euros en caso de cuarto individual, polo que o importe máximo era de 310 euros.

Con todo, López Rodríguez denuncia que o mesmo día 9 de decembro a alcaldesa solicitou ao Concello unha indemnización por gastos de manutención, "percibindo un total de 381,65 euros, unha cantidade superior ao custo real da viaxe". A xuízo do PP, isto supón que "os veciños de Guitiriz acabaron pagando unha actividade privada", o que consideran inxustificable.

Din que cobrou por asistencia a unha xunta de Goberno estando en Portugal

A denuncia por suposta falsidade documental céntrase especialmente no ocorrido o 10 de decembro. Segundo o relato dos populares, ese día, mentres se atopaba en Portugal, Marisol Morandeira asinou unha acta na que constaba a súa asistencia e presidencia dunha xunta de Goberno local, pola que ademais cobraría as correspondentes dietas, cifradas en 153 euros.

O PP sostén que dita asistencia era imposible, non só por atoparse fóra do municipio, para o que se vale de fotos de Facebook que ela subiu ás redes, senón porque o regulamento municipal non permite a participación telemática neste órgano e, ademais, a normativa vixente impide intervir en órganos colexiados estando fóra do territorio nacional.

José Manuel López asegurou que a decisión de acudir aos tribunais "non foi sinxela", pero que o Grupo Popular seviu obrigado a facelo para defender os intereses xerais dos veciños. Así mesmo, manifestou a súa preocupación pola posibilidade de que "este tipo de prácticas puidéronse repetir noutras ocasións sen ser detectadas".

O responsable do PP en Guitiriz engadiu que a denuncia foi presentada o pasado venres, día 20 de febreiro, "tras reunir toda a documentación que avala esta denuncia". Así, presentan fotos da viaxe, a acta da xunta de Goberno, así como das cobranzas das distintas dietas.

A alcaldesa di non ter coñecemento

Pola súa banda, a alcaldesa, Marisol Morandeira Morandeira, declinou facer declaracións sobre estes feitos dos que a acusan, asegurando "non ter coñecemento nin da denuncia nin dos feitos en cuestión".

Asegurou decatarse das acusacións a través dos propios medios de comunicación e queda á espera de que se produza algunha acción xudicial por mor desta denuncia.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade