BNG e PSdeG rexeitan a vandalización do busto de Fraga en Vilalba: "Esa forma de actuar non nos representa"
BNG e PSdeG rexeitan a vandalización do busto de Fraga en Vilalba: "Esa forma de actuar non nos representa"
O delegado do Goberno condena o sucedido e confirma que a Policía traballa na identificación dos responsables
O delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, indicou que os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado "están a traballar" na identificación dos autores do acto vandálico contra o busto do expresidente da Xunta e ministro franquista Manuel Fraga no municipio lugués de Vilalba.
Durante unha visita ás obras da praia de Razo, en Carballo, o delegado condenou o acto vandálico que "non vén absolutamente a nada" e pediu "deixar traballar" os investigadores policiais para identificar os autores.
"Probablemente haxa moitas persoas, moitos grupos, que, dalgún modo, tratan de ser autores; eu creo que hai que traballar con máis seriedade", opina. Mostra o seu rexeitamento a "calquera tipo de ataque contra o que é a propiedade pública".
Socialistas e nacionalistas rexeitan o ataque
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, e a deputada do PSdeG Patricia Iglesias coincidiron este luns en rexeitar a vandalización esta fin de semana do busto do expresidente da Xunta Manuel Fraga no Concello de Vilalba, reivindicada pola organización xuvenil vasca Gazte Koordinadora Sozialista (GKS).
Ambas condenan o ataque e afirman que este tipo de actos "non nos representan".
Pontón: "A nós iso non nos representa"
Nun acto dos nacionalistas polo Día de Rosalía en Santiago, a líder do Bloque, Ana Pontón, a preguntas dos medios, subliñou que o BNG "está nas antípodas do que representa Fraga". En todo caso, asegurou que non se ven representados "nesa forma de actuar" nin tampouco "nesa maneira de facer política" e insistiu: "A nós iso non nos representa".
"Nós, se reclamamos a retirada do busto de Fraga dalgún lugar facémolo de forma democrática, como acabamos de facer, por exemplo, no Senado. Insisto en que a nós esa forma de actuar non nos representa", reiterou.
Iglesias: "A polarización na política non é boa para a sociedade"
Pola súa banda, Patricia Iglesias (PSdeG), en conferencia de prensa na Cámara galega, mostrou a "absoluta condena" por parte dos socialistas "a todo acto vandálico que se produza". Así mesmo, lembrou que o PSOE recibiu "moitos ataques" nas súas Casas do Pobo por toda Galicia e apuntou que "esta situación de polarización na política non é boa para a sociedade".
"Temos que facer unha reflexión colectiva deste tipo de actos que condenamos de maneira absolutamente rotunda por parte do Partido Socialista", resolveu.
A organización xuvenil vasca Gazte Koordinadora Sozialista (GKS) reivindicou o ataque que coincide co 50º aniversario da matanza do 3 de marzo de 1976 perpetrada en Vitoria-Gasteiz que lle custou a vida a cinco traballadores e da que responsabilizan o que foi ministro na ditadura de Franco e entón ministro de Gobernación, Manuel Fraga.