Publicador de contidos

Publicador de contidos

Rueda reivindica o "estilo Galicia" de gobernar ante unha oposición "desnortada"

Rueda reivindica o "estilo Galicia" de gobernar ante unha oposición "desnortada"

No segundo aniversario da vitoria electoral, o líder do PPdeG pide "ir a por máis" fronte aos "populismo"

O BNG fala de dous anos de "fracaso" e acusa o presidente da Xunta de "centralista" e "antigalego"

Rueda no acto do partido para conmemorar o aniversario. EFE/Xoán Rey
G24.gal 22/02/2026 15:01 Última actualización 22/02/2026 16:48

O Partido Popular de Galicia reuniu este domingo en Santiago preto de mil persoas para celebrar o segundo aniversario da vitoria de Alfonso Rueda, que o 18 de febreiro do 2024 revalidaba a maioría absoluta.

O líder dos populares definiu o seu equipo como unha "máquina que funciona" e chamou a ampliar ese apoio no futuro. Na súa intervención, Alfonso Rueda afirmou que o 'estilo Galicia' de gobernar é " estabilidade, cumprir a palabra dada e xestionar con sentidiño".

O tamén presidente da Xunta reivindicou medidas postas en marcha polo seu Goberno, entre as que destacou a gratuidade das taxas universitarias, o plan para construír vivenda pública, as baixadas de impostos ou ampliar as competencias da comunidade.

"Esta estabilidade e cumprimento que temos en Galicia é fundamental nesta época na que a mentira se converteu nunha ferramenta política máis, sen ir máis lonxe para Pedro Sánchez, por exemplo", dixo.

Ao goberno central afeoulle a falta de investimentos en Galicia en estradas ou ferrocarril e os recursos contra normas da Xunta no Tribunal Constitucional, que cualificou como "intentos de boicot".

Sen mencionar expresamente o arquivo do expediente da fábrica de Altri en Palas de Rei, Rueda tamén prometeu apoiar todas as oportunidades de investimento na comunidade.

"Se cren que merecen unha medalla por conseguir que non veñan industrias a Galicia, eu dígolles que se equivocan de plano".

O líder dos populares galegos tivo tamén palabras para os partidos da oposición na comunidade, BNG e PSOE, aos que ven "enfurruñados por sistema e desnortados".

Alfonso Rueda anima aos seus a non caer na autocompracencia e "ir a por todas para conseguir a mellor Galicia da historia" nas próximas eleccións municipais e xerais.

"Aos populismos que non nos entenden, aos populismos que non nos coñecen e que ven isto como un trofeo para poñer a bandeiriña no territorio, hai que dicirlles que Galicia vai seguir confiando no PP mentres esteamos á altura do que hai que facer, con respecto pero con convencemento", rematou o presidente dos populares.

O presidente "máis antigalego"

O BNG considera que o mandatario autonómico pasará á historia como o "máis antigalego e centralista". "Sempre servil ás ordes do PP en Madrid, en contra dos intereses" da cidadanía galega.

Nun comunicado, a viceportavoz dos nacionalistas no Parlamento, Olalla Rodil, acusa o xefe do Executivo de gobernar para os intereses "partidistas" do líder do PP, Alberto Núñez Feijóo.

Fala de dous anos de "fracaso" na Xunta e aféalle non achegar "solucións aos problemas reais" da sanidade, o acceso á vivenda e a atención á dependencia.

Tamén critica a negativa de Rueda a negociar, "dobregado ás ordes de Xénova", un sistema de financiamento xusto a través dun concerto que lle dea á cidadanía galega "a chave do seu diñeiro".

Tamén lle reprocha estar a traballar "para un puñado de empresas amigas" ás que, denuncia, lles están poñendo "en bandexa" os recursos e a riqueza, "única e exclusivamente para seguir engordando a súa carteira de beneficios".

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Pódeche interesar

Publicador de contidos