O SEPRONA apenas supera os cen efectivos en Galicia
O xeneral de brigada Miguel Ángel González Arias cre que se debería reforzar o servizo en época de incendios
O responsable da Garda Civil en Galicia destaca o papel do corpo na protección das vítimas da violencia de xénero
A ruta dos contedores entre América do Sur e Vigo é unha das vías principais de entrada da droga na comunidade
O xeneral de brigada xefe de zona de Galicia, Miguel Ángel González Arias, lamenta a falta de efectivos no Servizo de Protección da Natureza, o SEPRONA.
Na entrevista dos domingos da Radio Galega, o responsable da Garda Civil explicou que máis do 70% do territorio galego conta con algún tipo de protección medioambiental, autonómica, nacional ou europea, "o que dá idea da importancia do medio natural en Galicia".
"O Seprona atende os incendios, as verteduras, a protección de especies, o benestar animal pero temos que dicir que apenas supera o cento de efectivos. Deberían ser moitos máis, sobre todo, en certas épocas. Este ano sufrimos unha vaga de incendios que arrasou parte de Galicia. Na provincia de Ourense tivemos 90 lumes diarios".
Miguel Ángel González Arias tamén se referiu ao traballo das patrullas de vixilancia no medio rural. Sinalou que Galicia conta con máis de 3.000 núcleos de poboación moi dispersos e cunha veciñanza avellentada e vulnerable. Unha situación que en zonas de montaña, como na Fonsagrada ou no Courel, con condicións meteorolóxicas extremas, incrementa os tempos de resposta.
O xeneral de brigada tamén falou da falta de efectivos no corpo. Segundo explicou, a Garda Civil aínda sofre as consecuencias das ofertas públicas de emprego entre 2010 e 2015.
A isto hai que engadir as medidas de conciliación que "son benvidas pero supoñen unha mingua no potencial de servizo". Con todo, confiou en que se se manteñen as OPE coma a deste ano, con 3.000 prazas, o que permitiría que o corpo se recupere do "déficit de axentes".
O xeneral de brigada animou os mozos e, en concreto, as mulleres a opositar á Garda Civil.
"É unha boa oportunidade para a xente nova, especialmente para as mulleres, ás que animamos a presentarse. Na actualidade temos un déficit importante de mulleres".
Violencia Machista
Miguel Ángel González Arias afirmou, na Radio Galega, que a Garda Civil protexe máis da metade das 3.000 vítimas da violencia machista en Galicia. Un cometido ao que se dedican máis dun cento de axentes dos equipos Vioxen e EMUME (Equipos Muller-Menor).
"Desde que se crearon os equipos Vioxén reforzouse moito a loita contra a violencia de xénero. Con dedicación exclusiva, ademais dos equipos Vioxén e dos EMUME das unidades de policía xudicial, hai máis de 100 efectivos. Sempre serán benvidos os reforzos pero, xa digo, na actualidade nese aspecto estamos ben de efectivos".
Ademais, abundou, as patrullas de seguridade cidadá tamén traballan en violencia de xénero e, de feito, "son as primeiras que actúan".
Narcotráfico
O xeneral de brigada xefe de zona de Galicia tamén falou, na entrevista dos domingos da Radio Galega, da loita contra o narcotráfico. Segundo explicou, unha das vías máis recorrentes para a entrada de droga en Galicia é a "ruta dos contedores" entre Ecuador, Colombia, o Brasil e Vigo.
"Vigo ten moito protagonismo pero non debemos esquecer o resto da costa galega: a Costa da Morte, a Mariña luguesa e o oeste asturiano. Os narcotraficantes, ante a presión que sofren nalgúns sitios, desprázanse cara a outros".
Miguel Ángel González Arias lembrou que neste 2025 localizáronse dous narcosubmarinos na Pobra do Caramiñal e na Coruña e sinalou que as autoridades suramericanas falan de cinco alertas ao mes relacionadas con estes aparellos.
"Isto dános unha idea do que pode estar entrando aquí sen ser detectado pero, efectivamente, o narcosubmarino é un modus operandi que empeza a ser habitual".
O responsable da Garda Civil apuntou que o corpo acaba de recibir un buque de altura polivalente que se emprega para loitar contra o narcotráfico. Ademais contan dúas patrulleiras con base en Pontevedra e na Coruña.
UCO
O xeneral de brigada xefe de zona de Galicia tamén se referiu, na Radio Galega, ao traballo da UCO. Aclarou que os axentes desta unidade específica da Policía Xudicial depende "exclusivamente de xuíces, fiscais e tribunais e non dos seus mandos orgánicos".