Publicador de contidos

Publicador de contidos

Trump di que xa non necesita o apoio da OTAN en Ormuz: "Non necesitamos a axuda de ninguén"

Trump di que xa non necesita o apoio da OTAN en Ormuz: "Non necesitamos a axuda de ninguén"

"Como presidente dos Estados Unidos de América, o país máis poderoso do mundo, NON NECESITAMOS A AXUDA DE NINGUÉN!", declarou na plataforma Truth Social

Macron: Francia non participará nunha operación para abrir o estreito de Ormuz neste momento

REUTERS/Jonathan Ernst REUTERS/Jonathan Ernst
G24.gal 17/03/2026 16:35

O presidente dos EUA, Donald Trump, declarou este martes que xa non necesita nin desexa o apoio dos países da OTAN, nin de Australia, Xapón ou Corea do Sur, despois de que estes rexeitasen participar nunha coalición para garantir a seguridade no estreito de Ormuz, bloqueado pola guerra con Irán.

"Como presidente dos Estados Unidos de América, o país máis poderoso do mundo, NON NECESITAMOS A AXUDA DE NINGUÉN!", declarou na plataforma Truth Social. 

Trump explicou que os membros da OTAN informaron os Estados Unidos que "non desexan involucrarse" na operación militar en Oriente Medio, "a pesar de que case todos os países están firmemente de acordo nas nosas accións e que consideran que non se pode permitir que Irán posúa armas nucleares".

"Non me sorprende a súa postura, pois sempre considerei que a OTAN, onde investimos centos de miles de millóns de dólares anuais protexendo a estes mesmos países, é unha relación unilateral: nós protexémolos, pero eles non fan nada por nós", reprochou.

"A OTAN está cometendo un erro moi parvo"

Trump dixo que a OTAN cometeu "un erro moi parvo" ao rexeitar a súa petición de apoio para garantir a seguridade no estreito de Ormuz, bloqueado pola guerra de Irán.

"Creo que a OTAN está a cometer un erro moi parvo. E hai tempo que digo que me pregunto se a OTAN estaría alí para nós. Así que esta foi unha gran proba, porque non os necesitamos, pero deberían estar alí", declarou durante unha reunión na Casa Branca co primeiro ministro irlandés, Micheál Martin. 

Con todo, o republicano asegurou que os Estados Unidos lograron "diezmar ao Exército iraniano" e que xa non require do apoio dos seus aliados.

"Debido ao noso éxito militar, xa non 'necesitamos' nin desexamos a axuda dos países da OTAN; nunca a necesitamos! O mesmo ocorre con Xapón, Australia ou Corea do Sur", afirmou.

O republicano fixo esta publicación un día despois de criticar a falta de "entusiasmo" que recibiu de parte dalgúns aliados a súa petición de crear unha coalición militar para garantir a seguridade dos buques no estreito de Ormuz, unha vía clave para o paso do petróleo que permanece bloqueada por Irán en represalia á ofensiva estadounidense e israelí contra o país.

O plan de Trump foi recibido con frialdade e rexeitamento polos seus aliados, que responderon que esta non é unha guerra que eles iniciasen.

A xefa da diplomacia da UE, Kaja Kallas, declarou que o estreito de Ormuz "queda fóra do ámbito de acción da OTAN" e o Goberno alemán respondeu: "esta non é a nosa guerra". Tamén Australia, Canadá e Xapón descartaron involucrarse no conflito.

Trump insiste en que a OTAN nunca apoiou os Estados Unidos pero a única vez que a Alianza Atlántica activou o Artigo 5 de defensa común foi tras os atentados do 11 de setembro de 2001, en apoio a Washington. 

Macron: Francia non participará nunha operación para abrir o estreito de Ormuz neste momento

O presidente francés, Emmanuel Macron, afirmou este martes que Francia non participará nas operacións para abrir o estreito de Ormuz "no contexto actual", a pesar das peticións lanzadas neste sentido polo seu homólogo estadounidense, Donald Trump.

"Non somos parte do conflito (da guerra en Irán) e, por tanto, Francia nunca participará en operacións para abrir ou liberar o Estreito de Ormuz no contexto actual", declarou Macron nunha declaración tras a reunión dun consello de Seguridade.

O xefe do Estado francés indicou que, unha vez que a situación "acougue", é dicir, cando cesen os ataques na zona, Francia estaría disposta a colaborar con outras nacións nun sistema de escolta marítima para garantir a libre circulación de buques comerciais, incluídos portacontedores e petroleiros.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade