A Garda Civil atopa 22 cans en moi malas condicións nunha casa en Moaña
Os animais foron trasladados a un centro de acollida
Axentes do Seprona comisaron preventivamente 22 cans que se atopaban en pésimas condicións hixiénico sanitarias en Moaña. Segundo informou este luns a Garda Civil, foi a Protectora de animais do Morrazo a que os puxo ao corrente do estado dos cans, dos que dicían que estaban nun espazo reducido do que saía un cheiro bastante forte.
Os axentes foron inspeccionar o lugar, e o fillo do dono dos cans indicoulles que o seu pai, que é quen se encarga dos animais, estaba ingresado no hospital, quedando outro familiar a cargo deles. Os axentes localizaron os cans, todos podengos e moitos encadeados con cadeas moi curtas que lles limitaban a mobilidade, nun galpón na parte traseira da casa.
Había 16 femias e 6 machos, 13 deles non están identificados con microchip e a maioría presentan signos notorios de padecer sarna; ademais, hai varias cadelas con signos de parir recentemente. Ante esta situación sanitaria ilegal dos animais, os axentes decidiron levalos preventivamente ao centro de acollida que ten concertado o Concello (protectora de Morrazo) para que lles dean os tratamentos veterinarios que precisan.