Publicador de contidos

Publicador de contidos

Galicia logra 118 praias con bandeira azul, dez máis que en 2025

Galicia logra 118 praias con bandeira azul, dez máis que en 2025

Sanxenxo é o concello que logra máis distintivos de todo o estado, un total de 21

Seis areais galegos recuperan a bandeira perdida en edicións anteriores, e catro lógrana por primeira vez

Galicia, tras a Comunidade Valenciana e Andalucía, é a terceira autonomía con máis recoñecementos

G24.gal 05/05/2026 12:07 Última actualización 05/05/2026 13:11

Galicia é este 2026 a terceira comunidade autónoma con máis bandeiras azuis, con 118 praias en 38 concellos, dez máis que o ano pasado, distinguidas pola súa calidade da auga, accesibilidade e seguridade, mentres que Sanxenxo mantense como o municipio español con máis galardóns (21).

España volve liderar en 2026 a clasificación mundial de bandeiras azuis, con 677 praias galardoadas, 35 máis ca o ano anterior, o que supón o mellor resultado desde o inicio desta iniciativa en 1987.

Os 118 areais distinguidos

Na provincia da Coruña obteñen este recoñecemento os areais de 38 concellos: a das Lapas, Orzán-Matadoiro, Oza, Riazor, e San Amaro, na Coruña; a de Caión, na Laracha; a de Lombiña-Cabío, na Pobra do Caramiñal; as da Salsa (Repibelo), Barrañán, Combouzas, Porto de Suevos, Sabón e Valcobo, en Arteixo; a do Lago das Pontes, nas Pontes de García Rodríguez; a de Gandarío, en Bergondo; a de Arou, en Camariñas; as Pedra do Sal, Razo, e Saíñas, en Carballo; a do Ézaro, en Dumbría; as da Fragata-O Pareixal, Caranza, Doniños, Esmelle, Ponzos (que a recupera), e San Xurxo, en Ferrol; a de Laxe, en Laxe; a de Area Maior, en Malpica; as da Ribeira, Grande e Perbes-Andahío, en Miño; a de San Francisco, en Muros; as de Bastiagueiro, Espiñeiro, Mera, Naval, e Santa Cristina, en Oleiros; as da Concha e Morouzos (que as recuperan), en Ortigueira; as da Ermida, Balarés, Niñóns (nova), e O Osmo, en Ponteceso; e a de Coroso (que a recupera) en Ribeira.

Na provincia de Lugo as que logran a bandeira azul son: as do Coto, Fontela Balea, e Pasadas (que a recupera), en Barreiros; as da Marosa e O Portelo, en Burela; a do Torno, en Cervo; as da Rapadoira, Areoura, As Polas, Llas e Peizás, en Foz; as de Abrela e Xilloi, no Vicedo; as das Catedrais e Os Castros-Llas, en Ribadeo; a de Area, en Viveiro; e a de Esteiro, en Xove.

Na provincia de Ourense, logra este indicador a praia dos Franceses, na Veiga (nova).

E na provincia de Pontevedra, as de Area Grande e O Muíño, na Guarda; as de Area da Secada e o Bao (Camaxe), na Illa de Arousa; as de Barbeira, A Cuncheira, Frades, Ladeira, Ribeira e Santa Marta, en Baiona; as de Area de Bon, Lagos, Lapamán e Portomaior, en Bueu; as de Aguete, Loira (que a recupera), Mogor, Portocelo, e Santo de Mar-A Coviña, en Marín; a do Con, en Moaña; as de Cabeceira, O Laño (nova), e Xiorto, en Poio; a Praia Fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas; as da Lapa, Agra, Areas, Areas Gordas, Baltar, Bascuas, Canelas, Caneliñas, Foxos, Major, Montalvo, Nosa Señora da Lanzada, O Espiñeiro-A Lanzada, Pampaído (nova), A Panadeira, Paxariñas, Pragueria e Silgar, en Sanxenxo; as da Argazada, A Fontaiña, A Punta, Rodas (Illas Cíes), Canido, Carril, O Adro, O Fortiñón, O Mende, O Vao, Santa Baia e Tombo do Gato, en Vigo; e as do Campanario-Bamio e Compostela, en Vilagarcía de Arousa.

Por comunidades autónomas, a Comunidade Valenciana mantén o seu liderado con 151 bandeiras; séguena Andalucía, con 143; Galicia, con 118; e Cataluña, con 101. Tamén destacan Canarias, con 52 distintivos; Baleares e a Rexión de Murcia, con 33 cada unha; Asturias, con 16; Cantabria, con 11, e Estremadura, con 8. 

Portos deportivos

O programa tamén distingue a portos deportivos e Galicia conta con 11 distincións.

Seis están en Pontevedra: o Liceo Marítimo de Bouzas en Vigo, o Monte Real Club de Iates en Baiona, o Porto Deportivo Pedras Negras no Grove, e o Club Náutico de Portonovo, o Porto Deportivo Xoán Carlos I e Real Club Náutico de Sanxenxo en Sanxenxo.

Hai outros catro na Coruña: o Club Náutico de Sada, o Porto Deportivo Sadamar, en Sada; o Real Club Náutico da Coruña–Mariña Real, na Coruña, e o Real Club Náutico de Portosín no Porto de Son.

E un na provincia de Lugo: o Porto Deportivo de Ribadeo.

O Porto Deportivo de Cangas perdeu a súa distinción este ano.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade