Varias sentenzas impoñen multas a cines que só permiten comida e bebida mercadas alí
Desde as asociacións de consumidores denuncian que non permitir a entrada de produtos de fóra dos cines é "unha práctica abusiva e ilegal"
As multas que se lle impoñen aos cines en Galicia roldan entre os 35.000 e os 50.000 euros, fóra da nosa comunidade algunhas cuantías son maiores
Cada vez son máis as reclamacións de consumidores que, cando van ao cine, nese establecemento non lles permiten entrar con comida ou bebidas que traen de fóra e que non mercan alí. Unha práctica que está a ser sancionada, por ser considerada abusiva e ilegal.
"O que estamos reclamando continuamente cando nos chegan casos deste tipo facemos reclamacións perante á Administración para que se investigue unha práctica que consideramos abusiva e ilegal, pero aínda estamos nunha zona gris, porque aínda que se están poñendo algunhas multas, ten que saír unha norma que poña negro sobre branco", destaca Víctor Muñoz, presidente de FACUA Galicia.
"Cando vou ao cine adoito levar comida de fóra agochadas, porque alí os prezos son moi abusivos e as entradas xa son caras", di un usuario do cine.
"Ti estás pagando por ver unha película, non poden obrigarte a mercar alí a comida, entendo que a xente pode levar de fóra", engaden outros usuarios de cines.
As multas que se lle impoñen aos cines que aquí en Galicia obrigan os consumidores a mercar, por exemplo, os seus flocos de millo e as súas bebidas, roldan entre os 35.000 e os 50.000 euros, fóra da nosa comunidade algunhas cuantías son maiores.
"Non lles fan dano as multas, aínda lles segue compensando nas contas de resultados o que venden pola comida e bebida e non ten efecto disuasorio. Ou subimos a cuantía das multas ou cambiamos a normativa", engade o presidente de FACUA Galicia.
Desde as organizacións que defenden os dereitos dos consumidores animan a poñer reclamacións ante prácticas deste tipo consideradas abusivas.