Vacas cachenas limpan os montes comunais de Couso, en Gondomar, para previr os incendios
É unha iniciativa da comunidade de montes para combater as especies invasoras e manter limpo o monte
Co que comen as vacas calculan que poderán aforrar uns 1.500 euros anuais por hectárea en labores de limpeza
Levan apenas unha semana pacendo nos montes comunais de Couso, no concello de Gondomar.
Nove vacas, un touro e dous puchos de raza cachena teñen aquí o seu alimento. Ao tempo que comen eliminan a maleza. É unha iniciativa da Comunidade de Montes de Couso, coa que pretenden manter limpa a superficie forestal, combater as especies invasoras e axudar a previr os incendios
"Temos un problema importante de especies invasoras, non só de eucaliptos, senón tamén de acacias, que é unha especie que non ten rendemento económico ningún e ademais non nos permite, alí onde está, que outras producións vaian adiante. Entón temos que controlala dalgún xeito. Non queremos empregar produtos químicos porque vai contra natura do que nós queremos, e entón apostamos por modelos sostibles, e pensamos na gandería", explica o presidente da Comunidade de Montes de Couso, Xosé Antón Araúxo.
" A medida que van tendo unha zona limpa, hai que mudalas a outra: rotar para que vaian limpando e sempre teñan pasto", asegura o gandeiro Aarón Davila.
As reses levan un sistema de pastoreo electrónico e móvense agora mesmo por unha zona de seis hectáreas, aínda que o obxectivo da comunidade de montes de Couso é que limpen outras 14 máis. Co que comen as vacas calculan que poderán aforrar uns 1.500 euros anuais por hectárea en labores de limpeza. A súa alimentación é totalmente natural. O gandeiro que colabora co proxecto dedícase á venda de carne directamente aos consumidores, sen intermediarios.
"O único que comen a maiores é unha pouca fariña milla, que se lle vén dar para que o día que teña que movelas che sigan e veñan", explica Aarón Davila, o gandeiro que colabora no proxecto.
A comunidade de montes de Couso, en Gondomar, destaca polo aproveitamento integral e sostible do monte, con iniciativas como o cultivo de cogomelos ou de arandos, e tamén con actividades culturais, como O Bosque da Lingua ou a Festa Raxada dedicada á musica galega, que van celebrar do 12 ao 14 de xuño.