Publicador de contidos

Publicador de contidos

Preestrea de 'Así chegou a noite', unha historia ambientada no rural galego

Preestrea de 'Así chegou a noite', unha historia ambientada no rural galego

A Xunta di que reflicte a calidade do audiovisual galego

A longametraxe, que se estrea este xoves nos cines, está participada pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG)

Denis Gómez, Violeta Gil e Miquel Insua, actor ferrolán falecido o pasado mes de decembro, integran o reparto 

TVG TVG
G24.gal 29/04/2026 21:05

Na preestrea na tarde deste mércores, no cine Numax de Santiago, da película "Así chegou a noite" de Ángel Santos, o conselleiro de Cultura, Xosé López Campos, destacou que se trata dun proxecto de "alma galega", no que "Galicia, as súas incribles paisaxes e a súa lingua son os elementos capitais" e que reflicte "o talento, a calidade e o bo facer do noso audiovisual".

O titular de Cultura, que compartiu un pase especial co equipo da película na véspera da súa chegada as salas comerciais, felicitou aos responsables da produción asumida pola unión de tres empresas galegas (Maruxiña Film Company, Amateurfilms e Matriuska) e a todas as persoas que achegaron o seu traballo ao proxecto. A longametraxe está participada pola Corporación de Servizos Audiovisuais de Galicia (CSAG)

Tamén salientou a boa interpretación do reparto que integran Denis Gómez, Violeta Gil e Miquel Insua, actor ferrolán falecido o pasado mes de decembro, galardoado nos últimos Premios Mestre Mateo, para quen o conselleiro tivo unhas palabras de recordo e homenaxe.

López Campos, que animou ao público a acudir ás salas, destacou que os profesionais galegos son capaces de competir en igualdade de condicións tanto dentro como fóra das fronteiras.

"Contamos cun sector audiovisual sólido e cunha gran fortaleza, que se modernizou e adaptou aos novos formatos e hábitos de consumo do público", engadiu.

Tamén incidiu na "aposta clara" do Goberno galego polo sector como motor cultural e económico para xerar emprego e riqueza e por ser "un dos grandes escaparates internacionais que axuda a impulsar Galicia como escenario de rodaxe" e unha "gran carta de presentación do que significa Galicia Calidade".

Neste sentido, lembrou o investimento este ano de case 8 millóns por parte da Xunta en distintas convocatorias destinadas ao fomento da creación, produción e distribución audiovisual.

Terceira longametraxe de Ángel Santos 

'Así chegou a noite', terceira longametraxe do cineasta Ángel Santos, contou para a súa realización cunha axuda de 255.000 euros a través dunha das convocatorias anuais da Axencia Galega das Industrias Culturais para producións e coproducións audiovisuais.

A película, que tamén recibiu apoio para o desenvolvemento dos seus traballos de preprodución, rodouse integramente durante os meses de maio e xuño de 2024 na comarca do Salnés, con Sanxenxo, O Grove e Meaño como principais localizacións.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade