Publicador de contidos

Publicador de contidos

Aparece o cadáver dunha muller aboiando no río Lérez, en Pontevedra

Aparece o cadáver dunha muller aboiando no río Lérez, en Pontevedra

Segundo o Concello de Pontevedra, a muller ten entre 70 e 80 anos e non porta documentación

TVG
G24.gal 27/07/2026 08:45 Última actualización 27/07/2026 14:01

Os servizos de emerxencia localizaron un cadáver dunha muller no río Lérez ao seu paso pola cidade de Pontevedra.

Segundo informa o 112, o achado produciuse arredor da medianoite na zona da ponte dos Tirantes.

O Concello de Pontevedra indicou que o servizo de bombeiros en embarcación rescatou o corpo da auga e depositouno sobre un pantalán deste lugar.

Unha ambulancia medicalizada do 061 certificou a morte como xudicial dunha muller de entre 70 e 80 anos, indocumentada. Segundo fontes municipais, esta persoa levaba un bolso enganchado ao brazo, aínda que non portaba ningún tipo de documentación nin consta en base de datos ningunha desaparición próxima no tempo que poida coincidir coas características observadas.

Diego Marcos Lorenzo, cabo do Servizo de Extinción de Incendios de Pontevedra, conta cómo tiveron que activar os efectivos acuáticos do corpo de Bombeiros para poder achegar o corpo ao pantalán próximo á ponte. 

Os primeiros paseantes da zona amosaban a súa sorpresa ao saber da noticia. A zona é moi tranquila e pronto xurdiron as primeiras hipóteses. Os veciños din que mesmo puido esvarar e caer á auga.

O achado mobilizou efectivos da Policía Local, Policía Nacional, que abriu unha investigación para esclarecer o acontecido e identificar a muller, Bombeiros, 061 e Protección Civil.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade