Alerta laranxa no interior de Pontevedra e amarela na montaña de Ourense
Por mor do aire cálido procedende de África espérase unha subida xeneralizada das máximas, que chegarán aos 39 graos nalgúns puntos da provincia de Ourense
Cámara web da CSAG en Lalín
Dezaseis municipios do interior de Pontevedra estarán este luns en alerta laranxa (nivel 2) por calor, mentres que os dezanove da zona da montaña de Ourense estarán en amarelo (nivel 1), segundo os niveis actualizados pola Xunta.
Desta forma, baixa un chanzo o nivel no interior de Pontevedra, que este domingo estivo en alerta vermella, o nivel máis grave, informou a Consellería de Sanidade.
Este aviso afecta os municipios de Agolada, O Campo Lameiro, A Caniza, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Doutra banda, o luns activarase a alerta amarela na zona isoclimática da montaña de Ourense.
Son os municipios do Bolo, Carballeda de Valdeorras, Castro Caldelas, Chandrexa de Queixa, Esgos, A Gudiña, Maceda, Manzaneda, A Mezquita, Montederramo, Parada de Sil, A Pobra de Trives, San Xoán de Río, Riós, A Teixeira, A Veiga, Viana do Bolo, Vilariño de Conso e Xunqueira de Espadanedo.
A Xunta lembrou que a exposición a temperaturas excesivas pode provocar problemas de saúde como mareo, cansazo, debilidade, fatiga e cambras musculares, síncope, deshidratación, insolación e golpe de calor.
Os principais grupos de risco son persoas maiores de 65 anos e menores de 4 anos, especialmente os bebés de menos dun ano, con patoloxías previas ou que tomen determinados fármacos; maiores que viven sós; persoas en risco que viven en vivendas mal acondicionadas; persoas con exceso de peso ou peso excesivamente baixo, e traballadores, deportistas e outros que pasan varias horas en exteriores.
Sanidade recomenda beber máis líquidos sen esperar a ter sede e evitar as bebidas quentes, alcohólicas, café, té ou refrescos; aumentar o consumo de ensaladas, verduras e froitas; evitar comidas copiosas; usar roupa de tecidos naturais, lixeira e folgada, de cores claras, chapeu, lentes de sol e protector solar.
Tamén permanecer en espazos ventilados ou acondicionados e estar á sombra, ventilar nas horas de menos calor, evitar as actividades ao aire libre nas horas de máis calor e reducir a actividade física, entre outras recomendacións.
Aire cálido procedente de África
Este novo episodio de calor, que se suma a outros que afectaron á comunidade en xuño e xullo e que están a deixar un verán caloroso, débese a unha masa de aire cálido do norte de África instalada grazas á influencia das altas presións.
En consecuencia, este luns espérase unha subida xeneralizada das máximas, que chegarán aos 39 graos nalgúns puntos da provincia de Ourense.
En canto ás cidades, Ourense chegará aos 37 graos, Pontevedra aos 34, Vigo e Santiago de Compostela a 33, Ferrol e Lugo a 30, e A Coruña quedará en 28 graos de máxima. Vigo é a cidade co prognóstico da temperatura mínima máis elevada para este luns, 20 graos.
Segundo avanzou MeteoGalicia, espérase que o episodio de calor continúe ata o mércores. Mañá martes prevese un ascenso moderado das temperaturas mínimas e un aumento lixeiro das máximas, que será notable na metade norte da provincia de Lugo.
Este domingo a temperatura máxima en Galicia rexistrouse na cidade de Ourense, con 33 graos ás 18.00 horas. Outros municipios da mesma provincia coáronse na lista de máximos, como Arnoia (32,8 graos) e Leiro (32,7 graos).