A calor mantén este luns en alerta vermella o interior de Pontevedra
A Xunta tamén activa o nivel amarelo en boa parte da Coruña, na montaña ourensá e nas Rías Baixas
As máximas poderían alcanzar os 36 graos que marcaron este domingo Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño
A vaga de calor non afrouxa. Continúa a entrada de aire cálido de latitudes inferiores e as temperaturas non baixan. As máximas seguen á alza e as mínimas, nalgúns puntos, están a deixar noites tropicais.
Salceda de Caselas e Salvaterra do Miño chegaron aos 36 graos este domingo. Ourense e Leiro quedaron ás portas. Segundo as previsións de Meteogalicia, os termómetros van continuar nesta liña polo menos ata o mércores.
Esta situación está a converter a estas alturas de setembro as praias e os ríos nun refuxio. De feito, durante a fin de semana houbo cheo nalgún dos areais máis soados da zona sur.
Alertas por calor
Como medida de precaución, a Xunta mantén activa este luns a alerta vermella por altas temperaturas en dezaseis concellos do interior da provincia de Pontevedra.
Os municipios afectados son A Caniza, A Estrada, A Lama, Agolada, Cerdedo Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, Moraña, O Campo Lameiro, Rodeiro e Vila de Cruces.
Do mesmo xeito, seguen en nivel amarelo a montaña de Ourense, as Rías Baixas e o interior e suroeste da Coruña, provincia que incorpora o noroeste ao mapa de alertas.
Práctica deportiva
No que incumbe á práctica deportiva, a Secretaría Xeral para o Deporte suspende este luns a actividade do programa Xogade no exterior entre as 12:00 e as 20:00 horas no interior de Pontevedra.
Pola contra, non se suspende a práctica federada autonómica, pero recoméndase non realizala entre as 13:00 e as 17:00 horas, coincidindo coas horas de máis calor, excepto nos deportes náuticos e acuáticos, nos que non se dá esa recomendación.