Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santos Cerdán será citado a declarar como testemuña no xuízo pola expulsión dos catro edís do PSOE de Santiago

Santos Cerdán será citado a declarar como testemuña no xuízo pola expulsión dos catro edís do PSOE de Santiago

O que foi responsable do aparello do PSOE asinou a resolución de expulsión dos catro concelleiros agora non adscritos de Santiago

O conflito arrincou o día de san Xoán de 2024

Santos Cerdán, chegando a súa casa en Madrid. Foto de arquivo: EFE/Rodrigo Jiménez Santos Cerdán, chegando a súa casa en Madrid. Foto de arquivo: EFE/Rodrigo Jiménez
G24.gal 13/12/2025 16:43

O que foi secretario de organización do Partido Socialista a nivel estatal, Santos Cerdán, será citado a declarar como testemuña no xuízo pola expulsión das filas socialistas dos catro edís composteláns Mercedes Rosón, Milagros Castro, Gonzalo Muíños, e Marta Álvarez, que na actualidade son non adscritos.

Cerdán é unha das testemuñas solicitadas pola representación legal dos concelleiros agora non adscritos na audiencia previa á celebración do xuízo, previsto para os días 7 e 8 de setembro, unha sesión que tivo lugar no mes de outubro.

Na vista, o avogado dos edís expulsados do Partido Socialista pide que o que foi secretario de organización do PSOE compareza como testemuña en calidade de persoa asinante da resolución disciplinaria aprobada contra os concelleiros.

Así mesmo, o representante legal dos catro concelleiros agora non adscritos solicita que comparezan tamén como testemuñas, ademais dos propios demandantes, catro traballadores eventuais do Partido Socialista na cidade e o exalcalde José Antonio Sánchez Bugallo.

Nesta audiencia previa, a avogada que representa o Partido Socialista oponse e presenta recurso contra a citación de Cerdán ao asegurar que xa non forma parte do PSOE e que a petición só busca un "efecto mediático" dada a súa situación, naquel momento permanecía detido no marco da suposta trama de cobranza de comisións a cambio de adxudicacións.

A letrada que se encarga da representación legal do Partido Socialista defende que compareza o director da asesoría xurídica de Ferraz, por considerar que podería aclarar a tramitación dos expedientes disciplinarios. Así, sinala que este ten pleno coñecemento do proceso, ao contrario que Santos Cerdán, a quen, segundo argumenta, só se lle fai chegar a proposta de resolución para a súa firma.

Ademais, propón que acuda como testemuña o encargado de instruír o expediente desde Ferraz e que se acheguen os arquivos de audio das roldas de prensa feitas polos demandantes ou que, no caso de que a solicitude desta proba sexa impugnada, que as gravacións se reproduzan durante o xuízo.

Por último, solicita que non se repitan as declaracións de testemuñas que xa compareceron, como Bugallo e traballadores eventuais, de forma que se utilicen os seus testemuños durante a vista que decidiu sobre as medidas cautelares que pedían os catro edís para frear a súa expulsión do partido, un aspecto que a maxistrada rexeita.

A xuíz acepta todas as propostas de testemuñas

Pola contra, a xuíza acepta todas as testemuñas propostas polas partes e sinala que, no caso de Cerdán, o feito de que pertenza ou non ao partido é indiferente tendo en conta que é citado en calidade de asinante da resolución.

Tamén considera que o instrutor dos expedientes poderá ilustrar sobre os motivos polos que se impoñen as sancións e tamén sobre a mecánica destas.

En relación á petición da avogada do PSOE de non recoller o testemuño dos catro demandantes, a xuíza lembra que a vista polas medidas cautelares tiña un obxectivo concreto e determinado, aínda que despois se falase alí do "divino e o humano".

O conflito arrincou o día de san Xoán de 2024

O conflito interno do PSOE local da capital galega estalou o 24 xuño de 2024, cando os seis concelleiros do grupo municipal votaron no pleno a favor dunha ordenanza sobre as vivendas turísticas en contra da decisión marcada pola dirección local, que optaba pola abstención.

Esa mesma xornada, día de San Xoán e festivo en moitas localidades galegas, a executiva de Santiago convocou unha reunión para ordenar a substitución de dous dos traballadores do grupo, a xefa de gabinete e o responsable de comunicación, uns cambios que o portavoz municipal, entón Gonzalo Muíños, negouse a asinar e polos que foi suspendido de militancia durante un prazo de 18 meses.

A continuación, Muíños foi suspendido de militancia e a dirección local acordou nomear a Gumersindo Guinarte como novo portavoz do grupo municipal e a Marta Abal como secretaria, convocando a Mercedes Rosón, Milagros Castro e Marta Álvarez a unha reunión para ratificar os devanditos nomeamentos. Con todo, as tres concelleiras non acudiron ao entender que a convocatoria era nula, o que supuxo a ruptura na totalidade do grupo municipal e a súa posterior expulsión.

Ante esta situación, e tras pedir xudicialmente medidas cautelares que freasen a súa expulsión, un aspecto que lles foi denegado, Mercedes Rosón, Milagros Castro, Gonzalo Muíños e Marta Álvarez presentaron unha demanda contra o PSOE na que reclaman a impugnación das resolucións disciplinarias para a súa reincorporación no grupo municipal local.

Santos Cerdán nun mitin do PSOE. Arquivo Santos Cerdán nun mitin do PSOE. Arquivo
Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade