Publicador de contidos

Publicador de contidos

Sanmartín irá a unha cuestión de confianza polas contas, tras non ser apoiadas polo pleno

Sanmartín irá a unha cuestión de confianza polas contas, tras non ser apoiadas polo pleno

O grupo de concelleiros non adscritos e o PSOE abstivéronse, mentres que o PP votou en contra

Sanmartín dixo que non lle queda “máis remedio” que vencellar os orzamentos a unha cuestión de confianza para que poidan entrar en vigor “o máis rápido posible”

G24.gal 25/03/2026 19:01

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sannmartín, anunciou a súa intención de convocar unha sesión plenaria extraordinaria co fin de someterse a unha cuestión de confianza vinculada á aprobación dos orzamentos do Concello para o exercicio de 2026 despois de que o pleno rexeitase este mércores o proxecto presentado polo Goberno local.

Os orzamentos para 2026, que superan os 148 millóns de euros, non conseguiron a confianza dos grupos da oposición, que non dan por válidas as estimacións de ingresos estimadas polo equipo de goberno. Por iso, o grupo de concelleiros non adscritos e o PSOE abstivéronse mentres que o PP votou en contra.

Con este resultado, Sanmartín dixo que non lle quedará “máis remedio” que vencellar os orzamentos a unha cuestión de confianza para que os mesmos poidan entrar en vigor “o máis rápido posible”. Durante o debate, o representante dos concelleiros non adscritos, Gonzalo Muíños, lamentou que o Goberno local “non respecte” a representatividade dos edís da oposición e non cedese a aceptar “practicamente ningunha” de propostas presentadas polo que “non podemos votar a favor”.

Muíños asegurou que os non adscritos “queríamos alcanzar un acordo” pero non atoparon reciprocidade no executivo municipal que unicamente acode ao pleno por obrigación xa que perciben “a democracia como molestia e non como sistema de representación” mentres a alcaldesa “non asume que está nun goberno en minoría”.

Na mesma liña, a deputada do PSOE Marta Abal, tamén xustificou a súa abstención na “falta de rigor” das contas que están elaboradas con “fantasía orzamentaria” e "ficción contable”. Deste xeito, Abal incidiu en que “non podemos votar a favor porque estes non son os nosos orzamentos” e tampouco pola “falta de responsabilidade do Goberno na elaboración, negociación e tramitación” dos orzamentos que presenta a pleno un orzamento que non obedece á realidade.

A socialista tamén botou en falta “ambición” nos orzamentos que restan fondos a comercio ou tecido empresarial co que se mingua a capacidade real de transformar a cidade e “certifícase a parálise” do Goberno. Para rematar, o líder do PP cargou contra estas contas e incidiu en que “os nosos orzamentos serían completamente diferentes” e, por iso, debullou algunhas das cuestións que el incluiría nos seus primeiros orzamentos como alcalde. Verea denunciou a “falta de investimento” que predomina nas contas a pesar de que desde este Goberno “asáltanse os petos dos santiagueses máis que nunca”.

A alcaldesa lamentou que os seus orzamentos non fosen aprobados a pesar de que “sen ningunha dúbida, responden aos intereses de Santiago” mentres que “ninguén gana” sen a aprobación das contas “máis aló dos intereses electoralistas”. A tenenta de alcaldesa e líder de Compostela Aberta, María Rozas, admitiu ter un “sentimento de frustración” por non ser “capaces de chegar a acordos e consensos” a pesar das melloras sociais que contempla, ao seu xuízo, o proxecto orzamentario.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade