Hamas disolve o seu goberno na Franxa de Gaza
O grupo manterá só o persoal técnico ata a entrada do comité que administrará o enclave
Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA
O goberno de Hamas na Franxa de Gaza anunciou este luns a súa disolución para ceder a administración do enclave ao Comité Nacional para a Administración de Gaza (NCAG), un órgano integrado por tecnócratas palestinos e previsto no acordo de cesamento do fogo mediado polos Estados Unidos.
O anuncio foi realizado por Ismail al Thawabata, director da oficina de medios do Goberno de Hamas, nunha comparecencia en Deir al Balah. O grupo informou tamén da disolución do chamado Comité de Emerxencia do Goberno de Gaza, creado tras o ataques do 7 de outubro de 2023, e da admisión do seu responsable interino, Muhammad Abdul Jaliq al Farra.
Ata que o novo comité poida asumir as súas funcións, Hamas manterá unicamente o persoal técnico e profesional para garantir a continuidade dos servizos públicos e evitar un baleiro adminsitrativo. Ademais, asegurou que estes empregados colaborarán co futuro órgano de goberno.
Hamas instou tamén a acelerar a entrada do comité na Franxa, que aínda non recibiu autorización por parte de Israel. A decisión chega tras as reunións mantidas no Cairo entre as distintas faccións palestinas para tratar de desbloquear a aplicación do alto ao fogo,
A implementación de acordo continúa paralizada. Hamas mantén o seu rexeitamento a desarmarse mentres Israel non retire as súas tropas de Franxa e o Goberno israelí segue sen autorizar a entrada do comité encargado da adminsitración do territorio.