Publicador de contidos

Publicador de contidos

O Goberno ofrece ás autonomías unha marxe de déficit do 0,1% do PIB anual ata 2029

O Goberno ofrece ás autonomías unha marxe de déficit do 0,1% do PIB anual ata 2029

Facenda móstrase disposta a debater obxectivos de déficit asimétricos por rexións

As comunidades gobernadas polo PP votan en contra do obxectivo de déficit e teito de gasto

Galicia considera que o aumento do 4% na regra de gasto queda "moi lonxe" das necesidades das comunidades

O conselleiro Miguel Corgos, durante a xuntanza
G24.gal 06/07/2026 08:52 Última actualización 06/07/2026 16:09

 O Ministerio de Facenda ofreceu ás comunidades autónomas unha marxe de déficit público equivalente a unha décima de PIB anual en cada un dos exercicios 2027, 2028 e 2029, co que non terían que facer ningún esforzo nese período, segundo fontes do Ministerio de Facenda.

A marxe de déficit exposto equivale a 5.849 millóns de euros, precisan estas mesmas fontes, polo que se esta proposta non sae adiante, as rexións terían que facer un axuste equivalente a esa cantidade.

O ministro de Facenda Arcadi España reuniu este luns o Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) e a Comisión Nacional de Administración Local a fin de fixar os obxectivos de estabilidade das administracións públicas para a elaboración dos Presupostos Xerais do Estado (PXE) de 2027.

​​O ministro de Facenda mostrouse este luns disposto a debater por primeira vez a posibilidade de fixar obxectivos de déficit asimétricos para as diferentes comunidades autónomas, en lugar dunha mesma meta para todas, como ocorre actualmente.

Deste xeito, os obxectivos de déficit terían en conta a diferente situación fiscal de cada rexión, segundo explicaron fontes do Ministerio de Facenda. 

As comunidades gobernadas polo PP votan en contra do obxectivo de déficit e teito de gasto

As comunidades gobernadas polo PP opuxéronse á proposta que lles fixo o ministro de Facenda, Arcadi España. Os conselleiros económicos das distintas comunidades autónomas acudiron á sede do Ministerio de Facenda para o Consello de Política Fiscal e Financeira, onde o ministro Arcadi España comunicoulles as metas do déficit das administracións autonómicas para o exercicio próximo, un paso previo á aprobación dos orzamentos.

En palabras da conselleira madrileña, Rocío Albert López-Ibor, "a maioría das comunidades autónomas, todas, salvo Cataluña, Asturias, Castela-A Mancha" (gobernadas polo PSOE), "votamos en contra, pero sobre uns obxectivos que son completamente irrelevantes, como son os obxectivos do déficit e da débeda".

Respecto ao teito de gasto, varios conselleiros do PP queixáronse de é un obxectivo imposible de cumprir polas obrigacións que o goberno lles impón. Restaron relevancia a este paso previo para a presentación dos orzamentos, ao considerar que non teñen posibilidades de ser aprobados.

Os conselleiros socialistas mantiveron unha actitude máis construtiva, e así, o conselleiro de Facenda de Castela-A Mancha, Juan Alfonso Ruiz, pediu ao PP que apoie a senda de estabilidade para que se poidan aprobar os orzamentos xerais do Estado, mentres que o de Asturias, Guillermo Peláez, esixiu reformar a regra de gasto.

A consellera de Economía e Finanzas catalá, a tamén socialista Alicia Romero, tamén foi construtiva, e celebrou que se inicie o proceso para aprobar orzamentos xerais do Estado.

Galicia considera que o aumento do 4% na regra de gasto queda "moi lonxe" das necesidades 

O conselleiro de Facenda advirte de que o aumento do 4% na regra de gasto proposto polo Goberno central no consello de política fiscal e financeira (CPFF) queda "moi lonxe" das necesidades das comunidades autónomas.

De feito, en declaracións aos xornalistas, o responsable galego cifrou no 5% o incremento do gasto de persoal, fronte a este 4%, e incidiu en que as comunidades soportan o 68% do gasto de persoal de todas as administracións, de modo que "case a metade" do orzamento das autonomías "é gasto de persoal".

Co cal, a proposta do Executivo central inhabilítalles " para facer calquera política de gasto", avisou o titular de Facenda da Xunta.

"Isto dixemos todas as comunidades autónomas, aínda que logo se votou de diferente forma e tres votaron a favor e o resto en contra", expuxo.

Ao respecto, Corgos espera "que se recapacite e se adopten sendas de gasto e obxectivos de estabilidade orzamentaria que sexan obxectivos e non que nazan xa mortos porque non se poden cumprir".

Ao termo do CPFF, o conselleiro valorou que o novo ministro de Facenda, "empezou con moi boas formas", pero recriminoulle que "perdeu unha oportunidade de ouro para tomarse en serio unha reforma da gobernanza financeira do estado das autonomías". Así, considera, "volveu a copiar os vellos costumes de sempre".

CPFF antes de agosto para o financiamento autonómico

A intención de Facenda é convocar outro Consello de Política Fiscal e Financeira antes do mes de agosto, como paso previo á aprobación do novo modelo de financiamento por parte o Consello de Ministros e a súa tramitación por parte das Cortes Xerais.

O secretario de Estado de Facenda, Jesús Gascón, xa mantivo reunións coas comunidades autónomas, que mostraron a súa vontade de dialogar ao redor da proposta.

As comunidades autónomas do PP queixáronse de que o Ministerio de Facenda non inclúa o financiamento na reunión deste luns, aínda que si que avanzaron que intentarán forzar a conversación para mostrar o seu rexeitamento ao plan proposto polo Goberno central.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade