Falece un membro de Cantigas e Agarimos durante unha actuación en Agolada
Foi durante a celebración da XIII edición do Corazón da Artesanía
Tanto o concello de Agolada como a alcaldesa de Santiago, de onde é a agrupacion folclórica, amoson as súas condolencias polo acontecido
Pesar tras o falecemento esta fin de semana dun membro da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos durante unha actuación no municipio de Agolada co gallo da XIII edición do Corazón da Artesanía.
Tanto a alcaldesa de Santiago Goretti Sanmartín coma o concello pontevedrés mostraron as súas condolencias polo acontecido.
"Que noticia tan terrible para terminar o día", recalca a rexedora da cidade da cal é orixinaria esta formación nas súas redes sociais. Sanmartín enviou un forte abrazo á familia e amizades do finado: "e moi especialmente a toda a xente de Cantigas que hoxe vive un día moi triste". "Que pena máis grande Que a terra lle sexa leve!", conclúe.
Nun comunicado, o consistorio de Agolada trasladou o seu máis profundo pesar polo sucedido e agradeceu a intervención dos servizos de emerxencias. "A nosa máis sincera condolencia e todo o noso afecto á familia, amizades e persoas achegadas, así como aos seus compañeiros e compañeiras".
"Nestes momentos de profunda tristeza, o Concello de Agolada únese á dor da familia e de todas as persoas que compartiron con el a súa vida e o seu traballo", co desexo de que os seus achegados atopen consolo e forza para afrontar esta irreparable perda.
Cantigas e Agarimos fixo pública nas súas redes sociais a súa inmensa tristeza para despedir ao seu compañeiro. "Gardaremos para sempre os case 20 anos de momentos compartidos, dentro e fóra do escenario", destaca. "A túa amizade, o teu compromiso e o teu bailar forman parte da historia de Cantigas e de toda a xente que te coñecemos", engade.