Publicador de contidos

Publicador de contidos

Santiago estrea un centro loxístico para reducir o tráfico de repartimento no centro histórico

Santiago estrea un centro loxístico para reducir o tráfico de repartimento no centro histórico

A plataforma, situada no Polígono do Tambre, entrará en servizo a finais de ano 

Absorberá 212 toneladas de mercancías e evitará máis de 200 viaxes de furgoneta diarias  

O investimento supera os 5,8 millóns de euros e conta cunha subvención estatal de 3,9 millóns

No centro loxístico de Santiago. TVG.
G24.gal 30/07/2026 16:10

Santiago de Compostela presentou este xoves as instalacións do novo Centro de Distribución de Mercancías, unha plataforma loxística que reducirá a presenza de vehículos de repartimento no centro histórico e que previsiblemente entrará en funcionamento antes de finalizar o ano.

Así o avanzou a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante o acto de presentación do centro, situado nunha parcela de 40.000 metros cadrados no polígono industrial do Tambre, ao lado da sede de Mercagalicia.

Vehículos de cero emisións 

Esta instalación operará como nodo de recepción das cargas que se reparten no caso histórico, para o que se utilizarán vehículos de cero emisións e un tamaño e peso reducidos.

Deste xeito reduciranse as emisións, o tráfico e o impacto sobre o patrimonio, ademais de establecer sinerxías entre operadoras para reducir os custos acumulados na cadea de distribución.

O centro loxístico absorberá máis de 200 toneladas de mercancías 

A plataforma loxística poderá absorber ata 212 toneladas de mercancías nos días de maior intensidade de repartición no caso histórico, onde se sitúan 1.087 establecementos comerciais -808 na chamada améndoa-, e evitará máis de 200 viaxes de furgoneta diarios, segundo os datos do Concello de Santiago.

O centro, cuxa xestión diaria recaerá sobre a empresa pública Mercagalicia, foi impulsado polo Concello compostelán, en colaboración co Consorcio de Santiago e a Sociedade de Mercados Centrais de Abastecemento (Mercasa), de carácter estatal.

Investimento de 5,8 millóns de euros 

O custo total da actuación supera os 5,8 millóns de euros e conta cunha subvención estatal de 3,9 millóns.

A cidade histórica de Santiago é peonil desde 1993 e "tres décadas despois necesita outra onda de medidas que desconxestionen a saturación que se produce en rúas e prazas durante o horario de distribución, que protexan con maior eficacia os pavimentos e edificios dun conxunto patrimonial irreemprazable e que melloren a calidade de vida das persoas que habitan e transitan por ese espazo", defendeu a alcaldesa.

Así mesmo, considerou que o modelo será "útil e replicable noutras cidades".

Na mesma liña, o presidente de Mercasa, José Miñones, afirmou que o proxecto senta as bases dun modelo que "poderá estenderse por toda España" para afrontar a loxística de última milla, "un dos grandes retos do sistema alimentario e as cidades".

Pola súa banda, o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, defendeu que a plataforma é "un proxecto pensado para unha cidade moito máis amable e cómoda, mellorando día a día a vida dos veciños e as persoas que traballan en Santiago". 

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Publicidade