A alcaldesa de Santiago desmárcase de Fly2Galicia e garante que "non houbo nin haberá" apoio económico
A alcaldesa de Santiago desmárcase de Fly2Galicia e garante que "non houbo nin haberá" apoio económico
Liga esta posición á vinculación do proxecto con Israel e apunta a Aena como responsable das autorizacións aeroportuarias: "Non damos permisos"
A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, desmarcouse do proxecto de Fly2Galicia para incorporar novos voos en Lavacolla a partir de decembro e garantiu que "non houbo nin haberá" acordos económicos nin se prestará outro tipo de colaboración cara a ela.
Un asunto que fía ás informacións publicadas nos últimos días, respecto á súa vinculación a Israel.
"Unha vez coñecido hai uns días que pode haber capital israelí, desde logo, pola nosa banda non haberá colaboración. Pero insisto en que xa nin estaba prevista nin houbo, non só ningún investimento económico por parte do Concello, senón que non houbo ningún compromiso de que a fose a haber", resolveu este venres en declaracións aos medios durante unha visita a unha intervención na rúa Doutor Teixeiro.
A operadora turística Fly2Galicia ten previsto instalarse en Lavacolla desde decembro a través de voos chárter operados por FLYYO, que é quen posúe o Certificado de Operador Aéreo (AOC).
Con todo, esta aeroliña romanesa ten o seu principal centro de actividade en Tel/Tel Aviv (Israel) e, segundo investigacións xornalísticas de medios internacionais (como Al Jazzeera), foi contratada para realizar voos que trasladaron cidadáns de Gaza a outros países baixo a premisa de "emigración voluntaria".
Este asunto foi cuestionado o mércores por Sumar Galicia, que pediu "transparencia" ás compañías, e o xoves pola concelleira non adscrita Mercedes Rosón, que ademais trasladou as súas dúbidas sobre a operativa e esixiu "explicacións", do mesmo xeito que o PSOE.
Pola súa banda, Sanmartín asegurou agora que non coñeceu "ata hai uns días" as posibles conexións do proxecto con Israel e que a información que manexa limítase á publicada polos medios, como xa indicou un comunicado municipal na pasada tarde. Por tanto, aínda que insistiu en que xa "non estaba previsto" que houbese algún tipo de "compromiso, convenio ou investimento" municipal, "de confirmarse estas cuestións", tampouco a haberá "de ningún xeito" no futuro.
Tamén pechou a porta para prestar outro tipo de colaboración, a pesar de que o Concello afirmou a inicios desta semana que levaba "meses axudando" a que o proxecto "saia adiante". Con todo, a alcaldesa enmarcou as conversacións e reunións mantidas con Fly2Galicia dentro das que se teñen "con calquera compañía que quere operar no territorio", "como se vén facendo desde Turismo de Santiago", insistiu. "Houbo esas conversacións, como me consta que as houbo con outras administracións", completou.
Outro aspecto que o ente local xa introduciu no comunicado emitido o xoves é que a "fiscalización" das compañías aéreas ou das axencias de viaxes que alugan avións a estas aeroliñas, e aclarou que "non é competencia do Concello" e apuntou directamente a Aena como responsable dos distintos aeroportos e espazos aéreos.
Nesta liña, Sanmartín insistiu en que o consistorio non ten capacidade para "decidir" cales son as compañías que operan na terminal compostelá, a pesar de que si apoian "todo" o que contribúa a que a cidade teña "a mellor das conectividades". "Pero non somos nós quen dou eses permisos", resolveu.